Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os graduados son os técnicos municipais Santiago Chenlo e Fran Jamardo e a concelleira Carmen Gómez

- O xoves recibiron os seus títulos nun acto celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra 

ÁGORA1

Valga, 17 de decembro de 2021.

O Concello conta dende esta semana con tres técnicos Ágora titulados en recuperación do espazo público. Trátase dos técnicos municipais Fran Jamardo e Santiago Chenlo, así coma a concelleira Carmen Gómez, que este xoves asistiron no Pazo da Cultura de Pontevedra ao acto de gradación no que recibiron os seus diplomas. O evento contou coa participación do padriño da Facultade Ágora, o director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Iñaqui Carnicero, ademais de representantes do Concello de Pontevedra, da Rede de Cidades que Camiñan e da Deputación Provincial, promotora desta iniciativa formativa.

Para obter este título, realizaron dende o pasado mes de abril unha formación consistente en once seminarios de cuxos contidos se examinaron a comezos do mes de decembro. Entre os temas estudados atopábanse o espazo público como dereito; a cidade de 15 minutos no territorio disperso; espazos amables, inclusivos e seguros; as persoas primeiro; o tráfico necesario; mobilidades alternativas; hábitat saudable e biodiverso; hábitat xogable; localidades atractivas; inclusión social; e hábitat sociable.

Entre o profesorado houbo máis de 40 persoas de diferentes ámbitos que participaron como relatoras sobre o espazo público. Entre elas Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos'; María Ángeles Durán, catedrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados'; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; ou Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico'.

Neste primeiro curso da Facultade Ágora foron máis de 200 as persoas matriculadas -principalmente representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia- das que recibiron o tìtulo 124.

ÁGORA2 ÁGORA3

Volver