- As lavandeiras de San Simón, as heroínas de Sálvora e as irmás Touza foron as protagonistas do espectáculo
- Unha intérprete narrou as súas historias co acompañamento da música composta por Antón Alcalde
Valga, 6 de decembro de 2021.
A Banda Unión Musical de Meaño ofreceu onte no Auditorio Municipal o concerto “Heroínas na memoria”, un espectáculo no que unha intérprete, acompañada pola música, foi narrando as historias de mulleres galegas fortes e valentes que nas décadas dos anos 20, 30 e 40 do século XX protagonizaron feitos heroicos, solidarios e desinteresados, arriscando as súas vidas por axudar aos demais, pero que durante anos foron silenciadas e estiveron esquecidas.
Foron tres as historias que, apoiadas por unha montaxe visual, compuxeron o fío condutor do espectáculo: a das “Heroínas de Sálvora”, catro mulleres que no naufraxio do Santa Isabel e a pesar do temporal e o perigoso mar se lanzaron en pequenas dornas conseguindo salvar entre vinte e cincuenta vidas; “As lavandeiras de San Simón”, que crearon unha rede de cooperación para axudar aos presos da Guerra Civil que estaban no cárcere da Illa de San Simón levándolles roupa limpa, comida, mantas e menciñas; e “As irmás Touza”, que dende a cantina que tiñan na estación de ferrocarril de Ribadavia axudaron a moitos xudeus que fuxían do Holcausto nazi a pasar a Portugal.
Toda a música que se interpretou no espectáculo foi orixinal, escrita polo compositor galego Antón Alcalde, ao igual que os textos, da autoría de Eva Mejuto. A agrupación meañesa estivo dirixida por Rafael Agulló.