Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde, José María Bello Maneiro, e o delegado da Xunta en Pontevedra inauguraron esta tarde a 27 edición do nacemento

- A erupción do volcán Cumbre Vieja, a vacinación contra a Covid-19 ou os Xogos Olímpicos son algunhas das novidades

Belén21 1

Valga, 5 de decembro de 2021.

O Neno Xesús volveu nacer, pero esta vez en Campaña e no ano 2021, adorado polos Reis Magos e rodeado de pastores, pero tamén acompañado polos deportistas galegos que trunfaron nos Xogos de Tokio, en plena pandemia e co pesebre ameazado pola lava do volcán Cumbre Vieja.

O Belén Artesanal en Movemento inaugurouse esta tarde con moitas novidades a modo de resumo deste último ano e entre unha grande expectación. Xa pola maña houbo xente ás portas do local de Campaña, crendo que o nacemento xa estaría aberto, e a partir das catro da tarde comezaron a formarse ringleiras de xente impaciente por entrar despois dun ano, o pasado, no que a pandemia impediu a moitos achegarse a ver a representación.

O alcalde, José María Bello Maneiro, o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, foron os encargados de dar por estreada a edición vixésimo sétima, acompañados polo párroco de Campaña, Manuel Míguez, que bendixo o nacemento como paso previo ao inicio das visitas.

No acto, que estivo conducido por Héctor Bermúdez, Bello Maneiro salientou que para Valga “é un orgullo congtar con este Belén, que leva o nome do noso concello por toda Galicia e España”, e tivo palabras de agradecemento para os integrantes de Amigos do Belén, “xente que adica as súas horas de lecer” a deseñar e montar o nacemento. “Estamos moi orgullosos do traballo que facedes”, díxolles. O delegado da Xunta confesou ser un dos asiduos ao Belén, “ao que levo vindo seis anos de xeito ininterrompido cos cativos. É un orgullo para Valga pero tamén para Galicia e contribúe a que a nosa comunidade sexa actualmente un destino turístico de moda”.

Pola súa banda, a presidenta de Amigos do Belén anunciou aos visitantes que “ides atopar unha representación distinta”, tanto polas escenas incorporadas como polo feito de que “este ano eliminamos por completo o musgo, sabedores da importancia que ten a nivel ambiental”, salientou.

O Belén de Valga, declarado de Interese Turístico de Galicia, ten por diante cinco semanas de apertura, ata o día 9 de xaneiro, nas que os visitantes poderán descubrir as novidades incorporadas este ano á montaxe: unhas duascentas figuras e construcións feitas artesanalmente e que recrean acontecementos, espazos e personaxes que, polas razóns máis diversas, marcaron a actualidade deste 2021. Amplíase a sección adicada á pandemia cunha reprodución do vacunódromo da Cidade da Cultura. Hai un espazo adicado aos Xogos Olímpicos de Tokio e aos deportistas galegos que trunfaron nesta cita deportiva, coma Ana Peleteiro ou Teresa Portela. Tamén no ámbito deportivo, aparece a selección española comandada por Luis Enrique en patinete (unha imaxe do adestrador que se fixo moi popular), as despedidas de Messi e Sergio Ramos do Barcelona e do Real Madrid, e a chegada da Volta a España á Praza do Obradoiro, co gañador vestido de peregrino.

Tampouco falta no nacemento unha espectacular réplica do volcán de La Palma, así coma a igrexa de Todoque, desaparecida baixo a lava e convertida en símbolo da destrución causada pola erupción. O vindeiro domingo, 12 de decembro, a asociación Amigos do Belén celebrará nos exteriores do nacemento unha tómbola solidaria para xuntar fondos para os afectados polo volcán.

Teñen tamén senllas réplicas no nacemento a Puerta de Alcalá madrileña (cuberta pola neve do temporal Filomena) e o Despacho Oval, cunha representación da accidentada saída do poder de Donald Trump. O encontro entre o novo presidente americano, Joe Biden, e Pedro Sánchez e a saída do cárcere dos presos do Procés son outras das escenas políticas que estrea o Belén.

Como é habitual, tamén hai homenaxes póstumas a personaxes falecidos durante os últimos meses: Raffaella Carrá, Álex Casademunt, a televisiva Mila Ximénez ou o duque de Edimburgo son algúns exemplos.

Todo este contido comparte protagonismo co nacemento do Neno Xesús, escena central da montaxe, e outras secuencias propias da tradición de Nadal, paisaxes e costumes galegas e outros moitos persoeiros dos ámbitos político, cultural e social. En total, máis de 4.000 figuras dispostas nun espazo duns 400 metros cadrados. Moitas das escenas están dotadas de movemento.

O Belén pode visitarse de xeito gratuíto todos os días da semana. De luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados, de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 20.30 pola tarde. Os grupos que queiran concertar visitas fóra deste horario poden facelo chamando ao teléfono 630 95 25 15.

Belén21 2 Belén21 3

Belén21 4 Belén21 5

Belén21 6 Belén21 7

Belén21 8 Belén21 9

Belén21 10 Belén21 11

 

Volver