- Os rapaces que participan no programa de conciliación traballarán as diferencias xeracionais entre as súas avoas e as súas nais
- As valguesas Cándida Rodríguez, funcionaria e traballadora dun CIM, e a soldado María Touceda contarán as súas historias de vida na radio municipal
Valga, 6 de marzo de 2018.
A programación deseñada polo Concello de Valga con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, dá comezo esta tarde cunha actividade na que participarán os rapaces do programa de conciliación e na que se traballarán dinámicas sobre igualdade, redactando por exemplo textos coas diferencias xeracionais que eles perciben entre as súas avoas e súas nais no tocante a dereitos e responsabilidades.
Dirixido igualmente ao público infantil, o xoves día 8 ás 17 horas terá lugar na biblioteca municipal de Cordeiro o Contacontos pola Igualdade “O que importa é outra cousa”. Nesta mesma xornada emitiranse na radio municipal as historias de vida das valguesas Cándida Rodríguez Ferro e María Touceda Magariños, a primeira funcionaria no Parlamento de Galicia e traballadora dun Centro de Información á Muller, e a segunda soldado que falará sobre a incorporación da muller ás Forzas Armadas.
Estas actividades súmanse á programación do Auditorio Municipal para o mes de marzo, centrada tamén no Día Internacional da Muller. Este xoves, o Plan de Prevención das Drogodependencias e outras condutas adictivas impartirá o obradoiro “Cóidome por fora, gústome por dentro”, aberto á participación de todo o público, aínda que preferentemente mulleres. Terá lugar ás 10:30 horas e centrarase na autoestima e nos hábitos de vida saudables, coa elaboración de batidos de froitas e verduras para que os asistentes coñezan as súas propiedades.
O domingo día 11 a partir das 19 horas o Concello homenaxerá ás mulleres valguesas que promoven as artes escénicas, unha actividade vencellada, ademais, ao 150 aniversario do nacemento da Bella Otero.
Na fin de semana seguinte, o sábado 17, o Auditorio acollerá o acto de celebración do 25 aniversario da asociación de Mulleres Rurais “Albor”, no que se fará un recoñecemento á primeira directiva do colectivo e un percorrido pola súa actividade.
A programación adicada á muller continuará os días 20 e 22 con senllas sesións de Cine Forum no colexio de Baño e no Auditorio Municipal nas que se proxectará a película “Quiero ser como Beckham”, centrada en valores como a igualdade de sexos e de razas. Despois do visionado, os participantes reflexionarán sobre as mensaxes deste filme e realizarán actividades didácticas sobre as mesmas.
Dende onte luns e ata o 23 de marzo pode verse na Casa do Concello a exposición “Mulleres Galegas”, que reúne a catorce figuras que destacaron polas súas aportacións á ciencia, ás humanidades e ao coñecemento. E no Auditorio Municicipal permance ata o día 31 a mostra “Mulleres creando”, con obras pictóricas feitas por integrantes da asociación de Mulleres Rurais San Xinés de Bamio nas clases de pintura que lles imparte a artista valguesa Ángeles Garrido.