Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A actividade xuntou onte pola tarde outros 1.790 euros coa venda de boletos

- Repartíronse en total 212 premios que foron doados por veciños, colectivos e casas comerciais

TómbolaVolcán1

Valga, 20 de decembro de 2021.

A asociación Amigos do Belén pechou onte á tarde a tómbola solidaria organizada en beneficio dos afectados polo volcán de La Palma cun total de 6.450 euros recadados, unha cantidade que demostra a gran acollida que esta iniciativa tivo entre os veciños de Valga e da contorna e os visitantes do Belén.

A tómbola iniciouse o pasado día 19 e repartiu, en total, 212 agasallos doados por colectivos, casas comerciais e veciños de Valga e doutras vilas próximas: cestas de Nadal, doces, electrodomésticos, xoguetes, plantas e outros elementos decorativos, libros... Naquela primeira xornada xa se conseguiran xuntar 4.660 euros, pero quedaran pendentes de repartir aínda regalos, o que fixo que a tómbola tivese onte a súa segunda parte.

Puxéronse en xogo 64 regalos, o máis cobizado unha televisión que quedou en Cordeiro, pero outros marcharon para Ribeira, Santiago e incluso Asturias. A tómbola arrancou ás catro da tarde e arredor das seis xa se esgotaran os agasallos. Coa venda dos boletos –a 3 euros cada un– recadáronse outros 1.790 euros para os afectados pola erupción do Cumbre Vieja.

“Estamos encantados co resultado”, recoñece a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras. “Era a primeira experiencia deste tipo que tiñamos e por iso estabamos un pouco temerosos, pero a participación foi boísima e a colaboración de veciños e entidades tamén, aportando regalos moi bos”.

TómbolaVolcán2 TómbolaVolcán3

TómbolaVolcán4

Volver