- A actividade, que leva a cabo a Unidade de prevención das condutas adictivas, é gratuíta e terá lugar no Auditorio
- O obxectivo é fomentar alternativas ao consumo de bebidas alcohólicas entre a xuventude
Valga, 21 de decembro de 2021.
A Unidade de Prevención das condutas adictivas, promovida polos concellos de Valga, Dodro, Padrón e Rois, está a preparar unha nova actividade no noso concello para continuar fomentando a vida saudable e advertir sobre os efectos nocivos de determinadas substancias.
Se hai uns días a Unidade poñía o foco no tabaco, levando a cabo unha campaña de sinalización lembrando a prohibición de fumar nos parques e zonas de xogo infantil, agora é o alcohol o que centra esta nova actividade: un obradoiro de cócteles dirixido a mozos de 12 a 15 anos de idade.
Esta iniciativa é gratuíta e desenvolverase no Auditorio Municipal o día 29 de decembro entre as 11:30 e as 13:00 horas. O prazo de inscrición xa está aberto para as persoas que queiran participar a través do teléfono 646 956 915, ben sexa mediante chamada ou mensaxe de Whatsapp.
Neste taller, as técnicas da Unidade de Prevención explicarán aos asistentes diferentes receitas de combinados que non levan alcohol, senón outros ingredientes coma froitas, zumes ou herbas aromáticas. Deste xeito, quérese evitar que os máis mozos se inicien no consumo de bebidas alcohólicas, fomentando alternativas de ocio saudables.