- O seu percorrido por Valga tamén os levou ata o CODI e ao Centro de Día
- O alcalde recibiunos no Concello e agradeceulles o esforzo realizado para estar cos nenos do municipio
Valga, 21 de decembro de 2021.
Os nenos de Valga recibiron esta mañá unhas visitas moi especiais nos seus centros educativos. Os Reis Magos e Papá Noel adiantaron a súa chegada para poder estar cos cativos valgueses antes de comezar as súas vacacións de Nadal.
Melchor, Gaspar, Baltasar e Santa Claus repartiron o traballo e, por separado, foron percorrendo as escolas e colexios para non deixar sen saudar a ningún alumno. Os Magos de Oriente estiveron no CEIP Baño-Xanza e no CEP Xesús Ferro Couselo, onde os alumnos participaron tamén nunha chocolatada con churros, estes últimos financiados polo Concello.
Papá Noel, pola súa parte, achegouse ás escolas de Campaña, Forno, Ferreirós, Vilarello, Xanza e Chenlo. O máis pequerrechos da Escola Infantil Municipal tiveron dobre sorpresa: primeiro dos Reis Magos e despois de Papá Noel.
Os cativos recibiron caramelos e lambetadas e puideron entregarlles as cartas nas que previamente escribiran os seus xoguetes favoritos e os regalos que agardan atopar na chimenea ou baixo árbore de Nadal nas mañás dos días 24 de decembro e 6 de xaneiro.
Ademais dos recintos educativos, o percorrido dos Reis Magos por Valga tivo outras paradas para compartir ilusión cos usuarios do CODI e do Centro de Día e, por último, visitaron o Concello, onde foron recibidos polo alcalde. José María Bello Maneiro agradeceulles o esforzo realizado para estar nesta xornada cos nenos de Valga a pesar do moito traballo que teñen nesta época.