Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O delegado da Xunta, Luis López, fixo o anuncio esta mañá nunha visita a Valga

- O alcalde destaca que “se habilitará un espazo seguro” para que os viandantes accedan ás instalacións de interese educativo e sociocultural

DelegadoSenda1

Valga, 28 de decembro de 2021.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá nunha visita a Valga a licitación por parte da Xunta de Galicia das obras para construír unha senda peonil que conectará a estrada PO-548 coa a zona do colexio, pavillón deportivo, o xacemento Igrexa Vella e a igrexa parroquial de Cordeiro.

O delegado foi recibido no Concello polo alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo. Acompañárono o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, e o xefe do servizo de Estradas da Axencia Galega de Infraestruturas, Manuel González Juanatey, que explicou sobre os planos en que consistirá o proxecto.

A senda dará continuidade á beirrarrúa xa existente na marxe esquerda da PO-548 e que actualmente remata no punto quilométrico 2’9 –a partir de aí a estrada carece de espazos reservados para circulación peonil–. Discorrerá entre os quilómetros 2’9 e 3’2 da estrada autonómica e continuará despois por un vial municipal ata desembocar de novo na PO-548 á altura da intersección existente no punto quilométrico 3’9. Dende aquí a nova infraestrutura avanzará de novo por estradas de titularidade municipal chegando á zona onde se localizan as instalacións escolares e deportivas. Finalmente, tras pasar sobre a estrada autonómica mediante a instalación dunha nova estrutura, chegará á contorna da igrexa parroquial de Santa Comba.

A execución da senda fai necesario levar a cabo unha serie de actuacións complementarias, como a ampliación do paso existente sobre o río Louro, a instalación dunha nova pasarela elevada para pasar sobre a PO-548 complementando á estrutura actual, e a reordenación do tráfico na intersección existente no punto quilométrico 3,9 da PO-548 para mellorar a seguridade viaria e evitar que os condutores realicen manobras indebidas. Tamén se creará unha pequena glorieta na vía municipal pola que discorrerá a senda.

O alcalde destaca que esta actuación permitirá “habilitar un espazo seguro para viandantes” nun itinerario que dá servizo a lugares de interese sociocultural como a igrexa e a instalacións educativas e deportivas como o colexio Xesús Ferro Couselo ou o pavillón polideportivo de Beiro. Hai que ter en conta que este tramo da estrada PO-548 soporta o paso de máis de 5.000 vehículos diarios, polo que a creación dun espazo diferenciado para tránsitos non motorizados repercutirá nunha maior seguridade viaria.

Bello Maneiro agradeceu á Xunta de Galicia a colaboración co Concello en iniciativas coma esta, que será unha realidade no ano 2022.

As obras de construción da senda contan cun orzamento de 736.989’64 euros, que ascenden ata os 800.000 euros coa expropiación dos terreos necesarios. Financiaranse integramente con fondos Feder-React UE como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19. O proxecto cumpre cos obxectivos deste programa como son contribuír á recuperación trala crise, o fomento da mobilidade sostible e avanzar na transición cara unha economía verde.

O prazo de presentación de ofertas para as empresas que queiran optar á adxudicación estará aberto ata o 24 de xaneiro.

DelegadoSenda2 DelegadoSenda3

Volver