Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Instaláronse cinco paneis interpretativos con información sobre as diferentes etapas de ocupación e imaxes dos restos atopados

- A actuación de posta en valor foi financiada con fondos municipais

PaneisIgrexaVella1

Valga, 30 de decembro de 2021.

O Concello acaba de acometer a renovación da sinalización interpretativa do xacemento arqueolóxico Igrexa Vella, situado na parroquia de Cordeiro.

Un total de cinco paneis axudan ao visitante a comprender a importancia dun xacemento singular en Galicia, xa que as diferentes campañas de escavación levadas a cabo permitiron documentar unha ocupación humana que comeza no século IV d.C. e se prolonga ata o XVIII, cando se desmantela a igrexa vella para trasladala ao lugar que ocupa actualmente, reaproveitando a pedra.

O primeiro asentamento tardorromano tratábase, probablemente, dun complexo de vivendas e produción. No século V, coa cristianización do Imperio Romano, construíuse unha pequena basílica e, entre os séculos VIII e IX, ergueuse unha igrexa altomedieval á que se lle adosou, xa no século XVI, unha sacristía e capela lateral.

A sinalización inclúe planos nos que se diferencian cada unha das catro etapas de ocupación –romana, paleocristiá, medieval e moderna–; unha recreación de como sería a necrópole medieval que existiu na zona; e fotografías dalgúns dos restos arqueolóxicos atopados durante as excavacións: unha estela funeraria tardorromana, un forno romano dedicado á produción de vidro e metais do que se conservan as cámaras de combustión e cocción, tumbas de diferentes épocas e tipoloxías, contas de colares...

Esta actuación de posta en valor do xacemento foi financiada con fondos municipais. Dende o Concello faise un chamamento á cidadanía para que sexa coidadosa e respecte o patrimonio de todos, para evitar que os paneis volvan a verse afectados por accións vandálicas.

PaneisIgrexaVella2 PaneisIgrexaVella3

PaneisIgrexaVella4

Volver