- O proxecto inclúe propostas coma a creación dunha ruta de cicloturismo, unha zona de baño ou unha cávea natural
- A redacción financiouse a través dun convenio coa Consellería de Economía e Empresa
Valga, 9 de decembro de 2021.
O Concello de Valga segue traballando na recuperación do patrimonio mineiro vencellado, fundamentalmente, á extracción de arxila e á actividade industrial da desaparecida empresa de cerámica Novo y Sierra.
Como xa se fixo no seu día coa lagoa Mina Mercedes, hoxe convertida nun dos principais enclaves naturais do municipio, o Concello quere agora recuperar e poñer en valor a mina Porto Piñeiro, situada a moi pouca distancia da primeira, entre os lugares de Torre (Campaña) e Forno (Cordeiro).
O primeiro paso xa está dado redacción do proxecto, que se financiou con 53.149 euros a través dun convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
O obxectivo é converter a Mina Porto Piñeiro nunha área de lecer na que a poboación, tanto local coma visitante, poida realizar diversas actividades de ocio e tempo libre nun entorno único.
O proxecto inclúe, entre outras actuacións, unha ruta de sendeirismo e cicloturismo no perímetro das barreiras, a creación dunha cávea natural no borde da lagoa para a realización de eventos, unha zona de baño ao aire libre e un espazo para un parque acuático, melloras de accesibilidade e unha análise hidrolóxica para analizar a posibilidade de conexión entre as dúas lagoas.