- Os cociñeiros Fran Jamardo, Rocío Garrido e Coque Fariña ofreceron trucos e recursos para elaborar pratos saborosos e saudables en dez minutos
- As actividades culinarias continúan o vindeiro mércores con outro taller de doces de Entroido
Valga, 17 de febreiro de 2022.
A Aula Gastronómica de Valga abriu onte as súas portas na Casa da Cultura, onde recibiu a unha trintena de persoas que asistiron ao primeiro dos catro obradoiros de cociña que impartirá o equipo de Indo e Vindo Gastronomía.
“Cociña en dez minutos” foi a temática desta primeira cita, na que os cociñeiros Fran Jamardo, Rocío Garrido e Coque Fariña se puxeron ante os fogóns para preparar cinco pratos rápidos, acordes ao ritmo de vida actual, pero ao mesmo tempo saudables e saborosos, empregando produtos que son habituais nas despensas ou doados de atopar en calquera tenda.
Para abrir o menú preparáronse dous aperitivos: falso paté de centola (elaborado con anchoas e mexillóns en conserva, sucedáneo de cangrexo, cebola e maionesa) e pan de gambas con ventrecha e maionesa cítrica, para o que tamén se empregaron outros ingredientes coma mazá verde ou lima.
A sesión gastronómica continuou coa elaboración dun prato de culler: fabas brancas con touciño, chourizo e setas. As dúas últimas propostas foron patacas con setas, que pode servirse coma prato único ou coma gornición, e “piadina” de pementos, atún e queixo, un recurso sinxelo para unha cea rápida.
Os chefs elaboraron os diferentes pratos ante os asistentes seguindo todos os pasos e entregáronlles as receitas para que poidan replicalos nos seus fogares. Ademais, ofreceron diferentes trucos e recursos que poden ser de axuda na cociña.
A Aula Gastronómica ten aínda por diante outros tres obradoiros. A próxima cita será o día 23 e estará centrada nos doces de Entroido, e en marzo realizaranse outros dous talleres de cociña de aproveitamento e con conservas. As actividades son gratuítas e o aforo xa está completo. Este fixouse nun principio en vinte persoas, pero alta demanda que tiveron as actividades e a progresiva eliminación das restricións sanitarias nas últimas semanas motivaron que, finalmente, se ampliara o número de participantes.