- Catro composicións inscribíronse no certame, que cumpre a súa vixésima edición
- Repartiranse 325 euros en premios e haberá tamén agasallos para todos os concursantes
Valga, 4 de xaneiro de 2022.
O concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e Ricardo Abuín, membro da asociación Amigos do Belén, exerceron como xurado do Concurso de Beléns e onte visitaron as composicións participantes. Son catro os nacementos inscritos no certame, que cumpre a súa vixésima edición e que repartirá 325 euros en premios.
A primeira parada do xurado foi en Pontevalga, onde Celia Rincón presentou un belén con máis de 150 figuras dispostas nunha superficie duns cinco metros. Todas as pezas do nacemento están feitas a man por ela mesma: as figuras con arxila e arame, e as construcións con diferentes materiais coma cunchas, pequenas pedras, area pintada e tellas tamén feitas e cocidas por ela.
Fran e Juan Otero Lobato, veciños de Laxes (Cordeiro) e dous habituais deste concurso, participan de novo cunha montaxe duns 12 metros cadrados de superficie na que colocaron máis de 150 pezas, das que as casas están feitas artesanalmente. Conta con luz, auga e incorpora este ano novas escenas coma a procesión da Virxe das Dores e unha homenaxe a La Palma con un volcán que entra en erupción.
En Beiro, Sarai Vilas López ideou unha orixinal disposición para o seu belén, con algunhas escenas repartidas polo tronco e as pólas dunha árbore e unidas por pontes colgantes. A outra parte do nacemento está colocado ao pé do tronco, con distintos ambientes separados por estruturas de cortiza.
O último participante desta edición é Francisco Barreiro, veciño do Sixto, que por iniciativa das súas netas presenta un pequeno pero curioso belén que completa a impresionante decoración de Nadal do seu xardín.
Os gañadores daranse a coñecer a mediados desta semana, con premios de 150, 100 e 75 euros para os tres mellores beléns e agasallos para todos os participantes.