- José Luis Rodríguez Ruza é o autor das imaxes, tomadas hai máis de trinta anos, nunha viaxe a Arxelia
- O alcalde, José María Bello Maneiro, acudiu onte a ver a mostra
Valga, 4 de xaneiro de 2022.
O Auditorio Municipal inicia o ano 2022 estreando exposición da man de José Luis Rodríguez Ruza, afeccionado á fotografía que achega unha serie de imaxes tomadas nos campamentos de refuxiados saharauís de Tinduf (Arxelia) en 1991.
Son fotografías que teñen máis de trinta anos de antigüidade. “Estiven tres veces en Tinduf e estas imaxes correspóndense coa segunda viaxe”. Hai retratos de nenos e persoas maiores. Non aparecen apenas homes adultos porque naquela época estaban no campo de batalla, salvo os gardas das vivendas (jaimas) que adoitaban ser militares retirados. Outras imaxes presentan os edificios administrativos centrais, o goberno, o centro de acollida de invitados e un cemiterio. Tamén se expoñen paisaxes e outros detalles sobre a vida nos campamentos.
En total a colección está formada por 25 fotos, como lles explicou o autor ao alcalde, José María Bello Maneiro, e aos concelleiros Carmen Gómez, Pedro Calvo e Begoña Piñeiro, que onte acudiron ao Auditorio a ver a mostra.
A posibilidade de expoñer no Auditorio deuse cando José Luis Rodríguez leu na prensa unha reportaxe sobre outra mostra que acollía o edificio municipal e decidiu achegarse a Valga a visitala. Foi entón cando plantexou a opción de organizar a súa propia exposición xa que “o espazo gustoume moito. É un edificio con actividade, que está vivo”.
Rodríguez Ruza é natural de Guadalajara, pero reside dende hai 8 anos en Portosín. A súa relación coa fotografía remóntase a cando tiña 14 anos e seu pai lle regalou a súa primeira cámara. “Eran fotos analóxicas que revelaba no laboratorio”, lembra. Xa daquela protagonizou algunha exposición e incluso recibiu algún premio, pero “fai uns vinte anos, debido a problemas de vista, collinlle manía á fotografía e deixeino. Gardei a cámara”. Despois de operarse de cataratas retomou a súa afección e “entón atopeime de cheo coa era dixital. Foi unha reciclaxe máis”, comenta.
A mostra “Tinduf 1991” permanecerá no Auditorio ata finais do mes de xaneiro.