- Fernando Gómez, cun nacemento feito artesanalmente pola súa avoa, foi o gañador
- Sarai Vilas, de Beiro, e Fran e Juan Otero, de Laxes, levaron o segundo e terceiro premios
Valga, 7 de xaneiro de 2022.
A vixésima edición do Concurso de Beléns xa ten gañador: Fernando Gómez Mendoza, de Pontevalga, que participou no certame cun nacemento composto por pezas feitas artesanalmente pola súa avoa, Celia Rincón, empregando materiais coma arxila, arame, cunchas, area pintada ou pedras.
Os concelleiros de Cultura, Pedro Calvo, e de Turismo, Malena Isorna, fixeron entrega dos premios aos participantes no concurso, que repartiu un total de 325 euros. O gañador do primeiro premio recibiu 150 euros en vales para mercar no comercio local.
O segundo premio, que ascendeu a 100 euros, recaeu en Sarai Vilas López, de Beiro, que presentou un belén cunha disposición moi orixinal: as escenas estaban colocadas polo tronco e as pólas dunha árbore e unidas por pontes colgantes. Outra parte do nacemento repousaba ao pé desta estrutura.
Fran e Juan Otero Lobato, de Laxes, foron os gañadores do terceiro premio (75 euros en vales) cun belén de máis de 150 figuras e 12 metros cadrados de superficie que conta con pezas feitas a man e incorpora tamén luz e auga. Incluía, ademais, unha homenaxe a La Palma coa réplica dun volcán.
O cuarto participante no concurso, Francisco Barreiro, veciño do Sixto, recibiu un diploma e un roscón de Reis a modo de agasallo. Participou por iniciativa das súas netas cun pequeno belén que colocou no seu xardín.