- Víronse afectados vinte e catro farois e o Concello terá que repoñer uns 1.000 metros de cable
- Os feitos foron denunciados ante a Garda Civil, que está a investigar o acontecido
Valga, 10 de xaneiro de 2022.
O Concello vén de denunciar ante a Garda Civil un roubo de cable de cobre que afectou á instalación eléctrica do Parque Irmáns Dios Mosquera, que nestes días se atopa parcialmente sen iluminación debido a este contratempo.
Os feitos tiveron lugar nos primeiros días do novo ano, entre o 31 de decembro e o 4 de xaneiro, segundo os datos cos que contan as forzas de seguridade. O ladrón ou ladróns extraeron arredor de 1.000 metros de cable que estaba canalizado, abrindo as tapas dos farois e cortando a mangueira de cobre para despois sacala. En total, víronse afectados vinte e catro farois do parque, que actualmente permanecen sen luz á espera de que se leven a cabo as reparacións precisas.
O roubo causou uns danos ao patrimonio público de 7.598 euros, unha cantidade que inclúe o cable subtraído e que o Concello terá que repoñer, así como danos nas caixas de fusibles e outros estragos no cadro eléctrico.
O Concello fai un chamamento á veciñanza, especialmente aos residentes neste entorno e ás persoas que estiveron ou pasaron polo parque durante a fin de semana de fin de ano, para que se poñan en contacto coas forzas de seguridade se viron algún movemento estraño que puidera estar relacionado e poida axudar a esclarecer o sucedido.
Roubos similares xa se produciron noutras ocasións en máis espazos públicos de Valga, polo que “apelamos á colaboración da xente para que, cando vexa algo sospeitoso, avise á Garda Civil ou a Protección Civil” para que poidan actuar con prontitude, indica o alcalde, José María Bello Maneiro.