- O alcalde exerceu de emisario real e fixo entrega de case 300 regalos nas escolas do CRA e nos colexios de Baño e Cordeiro
- A pandemia obrigou a cancelar a cabalgata e o Concello contactou cos Magos para que os cativos non quedaran sen obsequios
Valga, 11 de xaneiro de 2022.
Os nenos de Valga recibiron esta mañá a derradeira sorpresa do Nadal en forma de agasallos enviados polos Reis Magos que, debido á situación da pandemia, non puideron celebrar tampouco este ano a tradicional cabalgata.
A elevada taxa de contaxios de Covid-19 motivou que o Concello decidira suspender a recepción aos Magos pero, tratando de manter ao máximo a ilusión dos cativos, o goberno municipal enviou unha carta a Melchor, Gaspar e Baltasar para que non se esqueceran dos nenos valgueses e, na noite do 5 de xaneiro, deixaran no Concello os agasallos para entregarllos ao seu regreso ao colexio.
Esta entrega tivo lugar esta mañá. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez exerceron de emisarios reais e percorreron as escolas rurais de Ferreirós, Vilarello, Forno, Campaña, Xanza e Chenlo e os colexios de Baño e Ferro Couselo para darlles aos rapaces de Infantil e de 1º e 2º cursos de Primaria os regalos deixados polos Reis. Acompañáronos, tamén, técnicos municipais e membros de Protección Civil, que se encargaron de trasladar os agasallos.
Cada rapaz recibiu unha bolsa que incluía un xoguete –balóns, crebacabezas e bonecos, entre outros– e lambetadas. Ademais, os Magos de Oriente deixaron unha carta dirixida a cada aula explicándolles aos nenos os motivos polos que non se realizou a cabalgata.
Entregáronse, en total, preto de trescentos agasallos.