Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Instalouse unha nova cuberta de madeira e tella e realizáronse tarefas de acondicionamento e limpeza do entorno

- A actuación, na que se investiron 10.071 euros, foi subvencionada pola Xunta de Galicia

LavadoiroSouto1

Valga, 14 de xaneiro de 2022.

O lavadoiro do Souto, na parroquia de Campaña, acaba de ser obxecto dunha actuación de embelecemento e posta en valor que incluíu a instalación dunha nova cuberta e a limpeza e mellora do entorno no que está enclavado este elemento patrimonial.

O obxectivo deste proxecto foi corrixir a perda de identidade e do valor histórico-artístico e etnográfico deste lavadoiro e da paisaxe que o rodea, despois de que se realizasen nel obras nas que se empregaron materiais pouco axeitados. En concreto, eliminouse o exceso de formigón na cuberta substituíndoo por outros materiais que harmonizan máis co carácter patrimonial deste elemento e co seu entorno.

Para acadar este obxectivo levouse a cabo a demolición da antiga cuberta e da súa estrutura a base de vigas de formigón, que presentaba fisuras e desprendementos importantes, e executouse un novo tellado con estrutura de madeira e tella.

Ademais, acondicionouse o entorno do lavadoiro mediante o picado e o descarnado das xuntas dos muros que o rodea, eliminando o morteiro de cemento e volvendo a rexuntalas con morteiro de cal lixeiramente coloreado. Por último, procedeuse á limpeza e roza do entorno máis inmediato do lavadoiro.

A actuación, que foi executada pola empresa Construcións Martínez Lemos, contou cun orzamento de 10.071 euros e foi subvencionada pola Xunta de Galicia.

LavadoiroSouto2 LavadoiroSouto3

Volver