- Cincuenta estudantes participaron na actividade, guiada polos técnicos municipais Santiago Chenlo e Vanessa Losada
- Visitaron, ademais, outras zonas do concello, coma as fervenzas de Parafita ou as igrexas de San Miguel e Xanza
Valga, 17 de xaneiro de 2022.
O Museo da Historia recibiu esta mañá a un grupo de cincuenta alumnos de 3º curso da ESO do IES de Valga, que se achegaron ás instalacións municipais para estudar a historia, o patrimonio e o territorio do noso concello como parte dunha actividade organizada polo departamento de Xeografía e Historia.
Divididos en dous grupos, os estudantes foron recibidos polos técnicos municipais responsables do Museo, Santiago Chenlo e Vanessa Losada, que os guiaron polas distintas estancias nas que se divulga o patrimonio natural, cultural, histórico e artístico de Valga.
Na primeira planta coñeceron máis polo miúdo o territorio e a paisaxe de Valga, nas que a auga foi historicamente un elemento fundamental que condicionou a vida dos veciños. Tamén fixeron un percorrido pola historia do municipio, dende os primeiros poboadores ata a época contemporánea, e, por último, descubriron as traxectorias vitais e profesionais de valgueses ilustres coma Xesús Ferro Couselo ou a Bella Otero. A infancia desta última, a etapa da súa vida que pasou en Valga, coñecérona a través da recreación dunha antiga vivenda típica do rural galego, anexa ao Museo.
Esta visita ao Museo da Historia enmarcouse nun percorrido máis amplo que os alumnos fixeron a pé polas parroquias de Xanza, San Miguel e Setecoros. Nesta última achegáronse ás fervenzas de Parafita e en Xanza e San Miguel visitaron as igrexas. No mes de marzo continuarán con esta actividade cunha nova camiñata polas zonas de Campaña e Cordeiro, co obxectivo de que os estudantes coñezan o seu concello e aproveitando, ademais, para estudar a toponimia dos lugares.