- No interior do colexio picáronse as paredes, renovouse a tarima e melloráronse os baños
- Tamén se levaron a cabo actuacións na instalación eléctrica e no exterior do inmoble
Valga, 25 de xaneiro de 2022.
A escola de Ferreirós, na parroquia de Cordeiro, foi sometida nos últimos meses a unha rehabilitación integral que acaba de completarse coa mellora do tellado, pero que tamén afectou ao interior do inmoble para facer das aulas espazos máis confortables para o alumnado e axeitados para a actividade educativa.
Esta “era una escola fría, que se tivo que illar de forma provisional con chan de goma. Ademais, a tarima estaba deteriorada e afectada por termitas. As paredes desprendían o revestimento e estaban cubertas con paneis de madeira, os baños eran pouco serviciais e, ademais, había un división de madeira entre as dúas aulas que era inestable. O tellado e os canlóns filtraban auga pola fachada da escola”, explica o director do CRA, Adrián Baloira, sobre a situación previa ás obras.
Os traballos que se levaron a cabo no interior incluíron o picado e o encintado das paredes, a instalación dunha nova división entre as aulas con estrutura metálica e revestimento de madeira, cambiáronse as portas e renovouse a instalación eléctrica. Tamén se instalou tarima en toda a escola e melloráronse os baños, nos que se colocou novo piso e melloráronse os sanitarios. Un dos aseos quedou, ademais, habilitado para persoas con mobilidade reducida.
En canto ao exterior do inmoble, mellorouse a recollida de augas pluviais cun novo sistema de canalización, instalouse un novo portalón de entrada e actuouse no tellado, no que se cambiou a tella e se arranxaron e fixaron os canlóns.
Parte destas obras foron financiadas pola Xunta de Galicia, pero tamén contaron con aportación do Concello para, entre outras, a renovación da instalación eléctrica.
Escola construída en 1913 con aportacións de emigrantes de Cordeiro
Dentro deste mesmo proxecto, leváronse a cabo algunhas melloras estéticas na fachada, principalmente o pintado do rótulo co nome da sociedade que financiou a construción da escola –a Sociedade de Residentes de Cordeiro, Instrucción y Protección en Buenos Aires– e o pequeno frontispicio co que remata a fachada e no que se conserva unha inscrición co ano de inauguración (1913) e o destino do edificio (casa-escola).
A súa construción foi iniciativa do sindicato agrario de Cordeiro, tal e como recolle o investigador Raúl Soutelo en “Emigración de retorno e dinámicas sociopolíticas locais na Galicia rural: unha microanálise dende Valga, 1980-1950”, traballo gañador do VIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. “Este colectivo dirixiuse aos veciños da parroquia que estaban emigrados en Arxentina para que constituísen unha sociedade de instrución e achegasen as remesas colectivas necesarias para erguer un local social no que puidese funcionar a arelada escola”, recolle a obra de Soutelo Vázquez.
Fundouse así a Sociedade de residentes de Cordeiro en Buenos Aires, que priorizaba entre os seus obxectivos o investimento educativo e cultural na súa parroquia de orixe. Os seus estatutos establecían que enviarían o 50% do seu capital para que o sindicato agrario o empregase en necesidades da parroquia.
A escola de Ferreirós foi o resultado máis destacado saído da colaboración destas dúas entidades. O inmoble, dunha soa planta e construído nunha parcela elevada con respecto á rúa, tiña nos seus inicios un carácter polivalente: unha aula, vivenda do mestre, biblioteca, sala de lectura e local de reunións do sindicato agrícola. No mesmo soar, pero nunha construción diferente, atopábanse os baños primixenios, que non se conservan na actualidade.
Os valgueses emigrados encargáronse tanto de financiar a construción da escola como de soster o seu funcionamento, pagando o salario do mestre ata que, en 1935, o Concello asumiu a xestión. Plácido Ferro, como alcalde, e dous representantes da sociedade de emigrantes asinaron o contrato de arrendamento segundo o cal o Concello pagaría 400 pesetas anuais durante seis anos, prorrogables por tres máis por acordo de ambas partes. Ademais a administración encargaríase do branqueo da escola e da vivenda do mestre e demais reparacións que foron precisas.
A de Ferreirós é actualmente a escola unitaria pública máis antiga de todas as que se construíron en Galicia con fondos da emigración que segue en activo coa mesma actividade para a que foi creada, segundo se desprende dos datos do proxecto “Escolas da emigración” do Consello da Cultura Galega.