- As fiestras son de aluminio oscilobatente con dobre cristal e rotura de ponte térmica
- As melloras foron financiadas cunha aportación da Xunta de Galicia
Valga, 20 de xaneiro de 2022.
As escolas de Campaña e Vilarello, que forman parte do CRA de Valga, están de estrea. Contan con novas ventás instaladas pola empresa García Sistemas de Carpintería S.L e que foron financiadas pola Xunta de Galicia.
No colexio rural de Vilarello instaláronse seis ventás na fachada principal, outras sete fiestras máis pequenas nos baños e nas aulas e unha porta exterior. En Campaña, pola súa parte, renováronse nove ventás de maior tamaño, oito pequenas e unha porta.
As anteriores fiestras tiñan máis de 40 anos, entraba humidade que afectaba ás paredes e á tarima das aulas e, ademais, non cumprían as funcións de illamento térmico, polo que a nova carpintería metálica tamén contribuirá ao aforro enerxético.
As novas ventás son de aluminio oscilobatente con dobre cristal laminado e rotura de ponte térmica. Contan con caixón illante e persianas. “Eran melloras moi necesarias e demandadas pola comunidade educativa” e que contribuirán a unha maior confortabilidade nas aulas, engade o director do CRA, Adrián Baloira.
O alcalde, José María Bello Maneiro, traslada o agradecemento á Xunta de Galicia por este novo investimento educativo en Valga e destaca que a mellora dos centros de ensinanza é unha das prioridades do goberno municipal como demostran as importantes actuacións executadas recentemente, coma a reforma integral do colexio de Baño, a mellora das súas pistas deportivas e do peche perimetral, o acondicionamento do patio cuberto do colexio Ferro Couselo ou a construción dunha cuberta no patio exterior do IES que foi contratada pola Xunta e que está en execución.