Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Visitaron as diferentes escolas rurais para comprobar as infraestruturas e recursos educativos cos que contan

- O prazo de solicitudes para a admisión de novos alumnos estará aberto entre o 1 e o 21 de marzo

VisitaPortasabertasCRA

Valga, 16 de febreiro de 2022.

Un total de trinta e unha familias participaron onte na xornada de portas abertas organizada polo CRA de Valga co obxectivo de dar a coñecer as súas instalacións e tamén o proxecto educativo que se desenvolve nos seis colexios rurais que o conforman (Campaña, Chenlo, Ferreirós, Forno, Vilarello e Xanza), nos que se imparte segundo ciclo de Educación Infantil (de 3 a 6 anos).

Os visitantes que recibiron as escolas valguesas chegaron dende as distintas parroquias do municipio pero tamén dende concellos da contorna, coma Pontecesures, Padrón, Rianxo, Rois ou Dodro, entre outros. "Interesáballes coñecer a ubicación das diferentes aulas e tamén lles chamou a atención a dotación de recursos, que é similar en todas, e o proxecto educativo unificado para todo o centro”, indica o director do CRA, Adrián Baloira.

Durante as visitas explicouse cal é o procedemento para a reserva de praza de cara ao vindeiro curso 2022-23. O prazo para presentar as solicitudes de admisión estará aberto entre o 1 e o 21 de marzo. O interese que esta xornada de portas abertas espertou entre as familias fai indicar que o CRA, que actualmente roza os 80 matriculados, verá incrementado o seu alumnado no próximo curso académico. A baixa ratio de alumnos por aula, que permite impartir unha educación de calidade e máis individualizada, é unha dos principais atractivos que ofrecen os colexios rurais.

Coa mesma estrutura e funcionamento que calquera outro centro educativo público, o CRA de Valga destaca pola adaptación ás características da súa contorna e ás necesidades do alumnado, promovendo un ambiente educativo familiar nun entorno natural próximo que facilita a adaptación dos nenos. Nas aulas aplícanse metodoloxías vivas e activas, con profesorado en continua formación.

As familias que non puideran participar na xornada de portas abertas pero estean igualmente interesadas en coñecer as escolas, aínda están a tempo de facelo. Para elo poden poñerse en contacto co CRA a través do teléfono 886 15 17 24 ou das redes sociais Facebook e Instagram.

EscolaCRA EscolaCRA1

Volver