- Os concelleiros de Turismo e Cultura agasallaron ao embaixador cunha botella de augarden branca e outra de herbas
- A delegación de Mar de Santiago realizou durante toda a xornada en Fitur promoción do destino turístico
Valga, 20 de xaneiro de 2022.
A expedición de Mar de Santiago, da que forman parte os concelleiros de Turismo e Cultura de Valga, Malena Isorna e Pedro Calvo, continúa desenvolvendo traballo promocional en Fitur. Durante a xornada de hoxe, os representantes dos concellos que integran a marca (Valga, Vilanova, Catoira e Pontecesures) mantiveron diversas xuntanzas con turoperadores e profesionais do sector para presentar o destino turístico e dalo a coñecer a nivel nacional e internacional, poñendo en valor tanto a ruta marítimo-fluvial a Santiago coma os recursos propios dos catro municipios.
No ámbito nacional, os membros da delegación de Mar de Santiago mantiveron un encontro co alcalde de Oviedo, Alfredo Canteli, co obxectivo de estreitar lazos coa cidade asturiana e multiplicar o fluxo de visitantes entre ambos territorios.
Ademais, a promoción de Mar de Santiago chegará máis alá do Océano Atlántico a través da gravación dunha reportaxe para o programa “Territorio Santiago” da produtora Euroimagen.tv. Os representantes da marca participaron unha xuntanza con Karen Santamaría, integrante da produtora, para ultimar os detalles da rodaxe, que terá lugar o vindeiro luns. A peza audiovisual será emitida en América Latina, Estados Unidos e tamén en TVE2 e será, explica a concelleira Malena Isorna, “unha gran oportunidade para dar a coñecer nacional e internacionalmente a ruta Mar de Santiago e para que cada concello poña en valor os seus principais recursos turísticos, culturais e patrimoniais”.
Outras das reunións nas que participou Mar de Santiago nesta xornada foron co gobernador de Oaxaca (México), Alejandro Murat, e co secretario de Turismo mexicano, Miguel Torruco, para buscar acordos de promoción conxunta ou incluso realizar un irmandamento. Nesta xuntanza co representante do goberno mexicano, os representantes de Valga e Pontecesures aproveitaron para promocionar tamén a súa gastronomía.
Xa pola tarde, a delegación desprazouse á Embaixada de Rusia, onde tivo lugar a presentación do destino turístico Moscú-San Petersburgo. Neste acto a caña de Valga foi protagonista, xa que os concelleiros valgueses fixeron entrega ao embaixador, Yuri P. Korchagin, de dúas botellas de caña branca e de herbas (os licores gañadores do Concurso da Caña do País do pasado ano).
O diplomático ruso xa tivera ocasión de degustar a augardente valguesa e comprobar a súa calidade no pasado mes de xuño, cando percorreu a ruta marítimo-fluvial realizando unha parada en Vilarello. Alí o alcalde, José María Bello Maneiro, fíxolle entrega dunha botella conmemorativa da Mostra da Caña do País.