Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As intervencións centraranse na educación emocional, habilidades sociais e resolución de conflitos

- Tamén incidirán nos efectos nocivos do consumo de alcohol e cannabis e na prevención do xogo patolóxico

UnidadePrevencion

Valga, 21 de xaneiro de 2022.

A Unidade de Prevención das Condutas Aditivas dos concellos de Valga, Dodro, Padrón e Rois retomou neste mes de xaneiro as actividades nos centros educativos, un total de tres programas destinados a escolares de 5º e 6º de Primaria, de 1º e 4º da ESO e de FP Básica que, no caso de Valga, se desenvolven con alumnado do CEIP Baño-Xanza, do CEP Xesús Ferro Couselo e do IES de Valga.

O fin último desta Unidade é a promoción da vida saudable e libre de adiccións de todo tipo, se ben este ano as intervencións céntranse na formación do alumnado en educación emocional, o autocoñecemento e a autoestima, a resolución de conflitos, a escoita activa, as habilidades sociais e a comunicación eficaz. Todo isto, sen esquecer a prevención do consumo de alcohol e cannabis e do xogo patolóxico e apostas.

A pesar de que a pandemia mundial da Covid-19 obrigou a modificar e adaptar moitas das actividades para axustalas ás medidas de prevención e ás restricións sanitarias, este plan continuou levando a cabo o seu labor. Durante o primeiro trimestre deste curso 2012-2022, as técnicas da Unidade de Prevención traballaron en colaboración cos departamentos de Orientación e equipos directivos dos centros educativos para coñecer a súa realidade e as necesidades e, así, preparar unhas intervencións o máis adaptadas posibles a cada un.

En total está previsto realizar un total de 184 intervencións que xa comezaron neste mes de xaneiro e continuarán ata maio, chegando arredor de 1.100 alumnos de dez centros educativos dos catro concellos con idades comprendidas entre os 10 e os 18 anos.

En paralelo a estes programas de carácter educativo, a Unidade tamén desenvolve outras cinco accións dirixidas, entre outros, aos ámbitos familiar, laboral e á poboación xuvenil.

Volver