Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- México foi un dos países cos que estableceron maior contacto, cunha xuntanza co ministro de Turismo e a participación no proxecto “Territorio Santiago”

- Os representantes valgueses, Malena Isorna e Pedro Calvo, estreitaron lazos con representantes do sector turístico para acadar a maior repercusión posible

fiturrr

Valga, 21 de xaneiro de 2022.

A Feira Internacional de Turismo (Fitur) está a ser do máis proveitosa para a marca Mar de Santiago e tamén para Valga no seu obxectivo de amplificar a súa proxección nacional e tamén internacional. Porque, ademais de participar nun acto na Embaixada de Rusia na que os concelleiros valgueses, Malena Isorna e Pedro Calvo, lle fixeron entrega ao embaixador de caña do país, a delegación estableceu contactos e estreitou lazos con outros países, particularmente México.

Os representantes de Valga e o alcalde de Pontecesures, en representación de Mar de Santiago, mantiveron un encontro co secretario de Turismo mexicano, Miguel Torruco, a máxima autoridade en materia de Turismo do país (o equivalente a ministro en España), no que se valorou a posibilidade de realizar algún tipo de iniciativa conxunta para aumentar o fluxo turístico entre ambos destinos, ben sexa a través de acordos de promoción conxunta ou, incluso, un posible irmandamento.

A promoción entre os representantes mexicanos en Fitur incluíu tamén unha xuntanza co gobernador de Oaxaca, Alejandro Ismael Murat, e esta mesma mañá a participación na presentación do proxecto “Territorio Santiago”, que pretende unir a través do turismo os distintos lugares que comparten o topónimo “Santiago”, principalmente en América Latina, Estados Unidos e, agora tamén, España. No marco deste proxecto a produtora Euroimagen.tv e a xornalista Karen Santamaría estarán o vindeiro luns en Valga e nos outros tres concellos para gravar unha reportaxe.

“Potenciar os nosos recursos culturais, patrimoniais, gastronómicos... para que cheguen máis alá das nosas fronteiras foi dende o inicio o obxectivo da unión dos catro concellos (Valga, Vilanova, Catoira e Pontecesures) baixo a marca Mar de Santiago e a participación neste tipo de actos permítennos avanzar nesa meta de dar a coñecer o noso territorio a nivel mundial”, incide a concelleira de Turismo, Malena Isorna.

Volver