- O alcalde asistiu onte á entrega dos billetes no Salón de Plenos
- O Concello subvenciona parte da viaxe e faise cargo dos desprazamentos ao aeroporto
Valga, 26 de xaneiro de 2022.
Case corenta valgueses viaxarán nos próximos meses co Imserso a diversos destinos turísticos de España. Onte tivo lugar no Salón de Plenos a entrega dos billetes aos valgueses que participarán nesta edición do programa de turismo social que promove o Instituto de Maiores e Servizos Sociais, un acto ao que asistiu o alcalde, José María Bello Maneiro, ademais dunha traballadora do departamento de Servizos Sociais do Concello.
Serán tres as viaxes nas que participen os maiores de Valga: a Málaga e Castellón, no mes de abril, e a Tenerife, en xuño. As estancias serán de oito día e inclúen transporte de ida e volta en avión, aloxamento en réxime de pensión completa e programa de animación sociocultural, así coma os correspondentes seguros e servizo médico.
Ademais dos billetes, os viaxeiros recibiron tamén información sobre posibles cancelacións de voos e outras incidencias que poidan producirse debido á pandemia da Covid-19.
O programa de turismo social do Imserso é unha iniciativa de envellecemento activo que ofrece ás persoas maiores estancias en zonas de costa e turismo de interior, contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida e a previr a dependencia. As viaxes son subvencionadas polo Ministerio de Dereitos Sociais e o Concello que, ademais farase cargo dos desprazamentos ata o aeroporto.
Esta é a primeira convocatoria que se realiza deste programa dende o inicio da pandemia, en marzo de 2020.