- Cociña en dez minutos, doces de Entroido, conservas e cociña de aproveitamento son as temáticas de cada taller
- As actividades, que terán lugar na Casa da Cultura, son gratuítas e contarán cun aforo máximo de 20 persoas
Valga, 26 de xaneiro de 2022.
Seguindo coas actividades gastronómicas que se levaron a cabo o pasado verán con motivo da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País e tendo en conta a boa acollida que tiveron, o Concello pon en marcha durante os meses de febreiro e marzo unha Aula Gastronómica que constará de catro obradoiros de cociña gratuítos que permitirán aos participantes descubrir novas receitas e servirán, incluso, para que persoas que non adoitan estar ante os fogóns realicen unha aproximación a pratos sinxelos elaborados con produtos accesibles.
Os talleres desenvolveranse os mércores 16 e 23 de febreiro e 2 e 9 de marzo, na Casa da Cultura de Valga a partir das 18:00 horas. Estarán dirixidos polos cociñeiros Fran Jamardo, Rocío Garrido e Coque Fariña, de Indo e Vindo Gastronomía, que elaborarán e explicarán catro receitas completas en cada actividade. Os participantes poderán seguir os diferentes pasos para aprender a realizalas nas súas casas e, a continuación, terán a oportunidade de degustar os diferentes pratos. A duración de cada obradoiro será de entre hora e media e dúas horas.
A temática do primeiro taller, o 16 de febreiro, será “Cociña en 10 minutos”. Explicarase e demostrarase de xeito práctico como, con moi pouco tempo, poden realizarse pratos ricos e incluso receitas de culler con ingredientes que habitualmente temos na despensa. Esta actividade é ideal para persoas que non dispoñen de moito tempo para cociñar.
Na última semana de febreiro, coincidindo coas datas de Entroido, realizarse un obradoiro centrado nos doces e sobremesas máis tradicionais de Galicia nestas festas.
A Aula Gastronómica continuará o 2 de marzo coa actividade “Cociña con conservas”, na que aprender a sacarlle todo o potencial ás latas de peixe, marisco e outros produtos, empregándoas en pratos máis elaborados.
Por último, o 9 de marzo, clausurarase este programa co taller “Cociña de aproveitamento”. Os chefs ofrecerán diferentes ideas para reutilizar as sobras de comida e convertelas en pratos atractivos que non resulten repetitivos.
En xeral, os catro obradoiros centraranse na “cociña para o día a día”, realizando pratos sinxelos que todos os participantes poidan replicar e empregando produtos accesibles e que poden atoparse facilmente en calquera supermercado.
O prazo de inscrición nas catro actividades abrirase o día 1 de febreiro. As persoas que queiran reservar poderán facelo presencialmente no Concello, chamando por teléfono (986 55 94 56) ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Admitiranse solicitudes ata o día anterior a cada obradoiro ou ata completar o aforo, que será como máximo de 20 persoas por taller.
En todas as actividades cumprirase coa normativa establecida polas autoridades sanitarias no momento da súa celebración. Será obrigatorio o uso da mascarilla e a presentación de certificado Covid.