Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As obras son financiadas pola Consellería de Educación, que as adxudicou por 200.077 euros.

- O centro carecía de espacios exteriores cubertos, polo que o Concello tivo que instalar unha carpa provisional

CubertaPistasIES1

Valga, 28 de xaneiro de 2022.

A empresa Hierros Bueno está a executar as obras de cubrición das pistas deportivas do IES de Valga, unha actuación no que a Consellería de Educación inviste 200.077 euros e que dotará ao centro de espazos exteriores cubertos nos que realizar actividades e que dean abrigo ao alumnado no tempo de lecer.

Este proxecto iniciouse o pasado curso cunha primeira fase na que se cubriu a zona das bancadas. Agora dase continuidade á cuberta en toda a pista, empregando o mesmo sistema construtivo e os mesmos materiais para homoxeneizar o conxunto. O resultado será unha cubrición de 1.220’45 metros cadrados de superficie, dos cales 199 xa están instalados e 1.021’45 serán de nova construción.

A cimentación realizouse mediante zapatas illadas baixo piares, unidas entre se mediante vigas de atado. A estrutura portante da cuberta é metálica, a base de piares, vigas e correas en aceiro laminado/conformado. A estrutura horizontal resólvese mediante correas metálicas apoiadas nos pórticos e a cuberta a dúas augas, a base de paneis lixeiros tipo sandwich. Para a evacuación das augas pluviais instalaranse canlóns e baixantes de aluminio lacado.

Contar cun espazo exterior cuberto que permita ao alumnado pasar os recreos e agardar antes de entrar ás clases nos días de chuvia é unha vella reivindicación da comunidade educativa do IES, especialmente dende que comezou a pandemia, xa que en xornadas chuviosas os estudantes víanse na obriga de rotar para poder estar ao aire libre nos recreos mantendo a distancia de seguridade e cumprindo os protocolos de prevención.

Para resolver esta situación, e dotar ao IES dun espazo cuberto aínda que fora de forma provisional, o Concello ten instalada no centro dende o curso pasado unha carpa para que o alumnado puidese saír ao patio con seguridade.

CubertaPistasIES2 CubertaPistasIES4

CubertaPistasIES5           CubertaPistasIES6

Volver