- Están percorrendo a ruta da Camelia e Valga foi a súa primeira parada
- O técnico Santiago Chenlo guiounos polas instalacións para explicarlles a historia e o patrimonio do municipio
Valga, 31 de xaneiro de 2022.
Un grupo de médicos xubilados procedentes de Madrid visitaron esta mañá o Museo da Historia atraídos pola figura da mundialmente coñecida Bella Otero.
A expedición, integrada por 25 persoas, chegou hoxe mesmo a Galicia en tren para percorrer a Ruta da Camelia e Valga foi a súa primeira parada. Foi a xinecóloga coruñesa Mª Eugenia Blanco Cachafeiro, que forma parte do grupo, a que promoveu a visita seducida pola historia de Carolina Otero, á que considera unha “muller moi interesante e esquecida”.
No Museo foron recibidos polo técnico municipal Santiago Chenlo, que os guiou polas diferentes estancias a través das que se divulgan o territorio, a historia e o patrimonio local. Na primeira planta coñeceron o territorio e a paisaxe de Valga, situada nas que a auga foi historicamente un elemento fundamental que condicionou a vida dos veciños.
Tamén fixeron un percorrido pola historia do municipio, dende os primeiros poboadores ata a época contemporánea, e, por último, descubriron as traxectorias vitais e profesionais de valgueses ilustres coma Xesús Ferro Couselo ou a Bella Otero, pola que estaban máis interesados e sobre a que plantexaron diversas preguntas para aclarar algúns dos misterios que rodean a súa figura.