- Cinco patas de porco fixeron o percorrido de case catro quilómetros entre Vilar e a igrexa de Santa Comba
- A tradición relixiosa recuperouse despois dun ano sin celebrarse debido á pandemia
Valga, 2 de febreiro de 2022.
Cordeiro recuperou esta mañá unha das tradicións relixiosas máis senlleiras e populares de Valga, a Procesión dos Lacóns, que despois de dous anos volveu a percorrer as aldeas desta parroquia. En 2021 a celebración do Día da Candeloria foi anulada debido á pandemia, que se atopaba por aquel entón nun dos seus momentos máis dramáticos, pero nesta ocasión os veciños e fregueses decidiron retomala como un signo máis de avance cara a normalidade.
Foi precisamente outra epidemia, a que afectou ao gando no século XIX, a que orixinou esta procesión. Os veciños comezaron a facer ofrendas aos santos coa crenza de que axudarían a frear o andazo. Dende entón, cada 2 de febreiro, mulleres da parroquia encabezan o percorrido entre a capela de Vilar e a igrexa de Cordeiro, portando cestas con patas de porco e seguidas por San Antonio, San Roque e San Paio.
Nesta ocasión foron cinco os lacóns que participaron no desfile, que estivo precedido pola bendición das candeas e unha misa na capela de Vilar, e que discorreu polos lugares de Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro. Unha salva de bombas anunciou a chegada a cada lugar, nos que os veciños engalanaron improvisados altares nos que colocar aos santos mentres os participantes na procesión descansaban e collían folgos para continuar o camiño.
De Vilar saíron tres lacóns e sumáronse dous máis en Vilarello. Nesta aldea, os nenos da escola unitaria saíron a saudar o paso e a bailar coa música do grupo de gaitas que o acompañaba. En Ferreirós, como é habitual, os veciños recibiron aos camiñantes cun pequeno aperitivo a base de madalenas e viño doce.
En total foron case catro quilómetros de ruta ata chegar á igrexa parroquial de Santa Comba. Alí o paso deu unha volta completa ao templo antes de acceder ao interior cos tres santos e as ofrendas. O párroco Arturo Lores oficiou a misa solemne que deu paso a outro dos costumes máis arraigados desta xornada: a poxa dos lacóns, que acadaron prezos entre 30 e 60 euros. A recadación para a parroquia foi de 210 euros.
A comisión de festas de Vilar foi a que se encargou de organizar os actos festivos, tanto da Candeloria coma de San Paio, que se celebrou o 25 de xaneiro. Naquela xornada, San Antonio e San Roque foron trasladados dende a igrexa parroquial ata a capela de Vilar, onde permaneceron máis dunha semana en homenaxe ao patrón da aldea.