- Ramiro González, Adonis Ríos, Esmeralda López, Ana Rozas, Ánxela Taboada, Maria Pino, Maite Miñambres e Josefina Gancedo son os autores das imaxes
- Valga é a primeira parada desta mostra colectiva, que despois percorrerá outras vilas galegas
Valga, 3 de febreiro de 2022.
O Auditorio muda de exposición co cambio de mes e recibe en febreiro a mostra colectiva “Paso a paso”, á que aportan obras oito fotógrafos: Ramiro González, Adonis Ríos, Esmeralda López, Ana Rozas, Ánxela Taboada, Maria Pino, Maite Miñambres e Josefina Gancedo.
Todos se dedican á fotografía pero non a nivel comercial. Proceden de distintas localidades de Galicia e o seu nexo de unión está en Santiago, onde coincidiron nun curso co profesor Fuco Reyes, que é o comisario da mostra. “Neste curso cada un de nós tivemos que facer un proxecto persoal, que nos saíra de dentro pero, ao mesmo tempo, que chegara ao espectador porque, loxicamente, as fotografías hai que amosalas non se gardan nun caixón”, relata un dos participantes, Ramiro González.
Os proxectos saídos dese curso son os que agora compoñen “Paso a paso”. Cada fotógrafo aporta tres fotografías que se caracterizan pola súa alta iconicidade. “Son realistas pero, ao mesmo tempo, místicas. hai reportaxe, fotogramas, denuncia... E todas seguen un fío condutor que permiten que o espectador se meta dentro de cada imaxe e vexa ese mundo que intentamos crear”, engade González.
Valga é a primeira parada desta exposición. “Foi a primeira sala que se comprometeu con nós e que nos deu a oportunidade, por iso decidimos que sería o primeiro lugar ao que levaríamos a mostra”. Xa teñen pechada, tamén, A Illa de Arousa e están en conversas cos concellos de Cambados e Ribeira. “A nosa ilusión sería rematar en Santiago, onde estudamos a maioría dos participantes”, conclúe Ramiro González.