- Tamén falaron sobre os fondos europeos de recuperación, para os que o Concello presentou varios proxectos ante diferentes ministerios
- Bello Maneiro plantexoulle á representante do Goberno Central a execución de obras de mellora no cuartel da Garda Civil
Valga, 11 de febreiro de 2022.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez asistiron este luns en Pontevedra a unha xuntanza coa subdelegada do Goberno, Maica Larriba, para tratar unha serie de proxectos relacionados con Valga sobre os que o rexedor tiña pendente recibir información dende que, no mes de agosto de 2021, o delegado do Goberno realizara unha visita ao municipio.
“Naquela visita o delegado comprometeuse a informarnos sobre a situación das diferentes actuacións e, dende entón, temos enviado varios escritos lembrando aquel compromiso”, explica Bello Maneiro. “Esa foi unha das cuestións que lle recordamos á subdelegada no encontro desta semana e agardamos que a información solicitada nos sexa facilitada en breve”.
Entre os proxectos referidos, concreta o alcalde, atópanse a rehabilitación do borde fluvial do río Ulla por parte de Costas do Estado, que data do ano 2004, e a adecuación e mellora da estrada N-550 no punto quilométrico 89’4, proxecto que foi aprobado definitivamente en xuño de 2017 e que superou xa todos os trámites –exposición pública, permisos ambientas e de Patrimonio... –, pero que segue pendente da licitación da obras. Tamén se tratou o proxecto de creación dunha senda peonil e mellora da seguridade viaria (pasos de peóns e semáforos) na N-550, obras incluídas dentro dunha orde de estudo no ano 2015.
O rexedor valgués solicitou, así mesmo, á subdelegada a realización de varias obras de mellora no cuartel da Garda Civil, entre elas o acondicionamento dun despacho para atender asuntos que, debido ás súas características e circunstancias especiais, requiren de certa intimidade. Igualmente, solicitouse a ampliación do horario da oficina para a recollida de denuncias e a atención dos veciños.
Por outra parte, na xuntanza abordáronse as distintas liñas para acceder aos fondos de recuperación europeos Next Generation, para os que o Concello presentou varias peticións. “Vemos que están aprobando investimentos nalgúns concellos e Valga xa hai máis dun ano que fixo chegar os seus proxectos ao Goberno Central, a Xunta e a Deputación”, explica Bello Maneiro.