- Os centros de lectura públicos de Valga e Cordeiro contan con 1.232 socios
- A biblioteca Pai Isorna, con 7.925 volumes sobre teoloxía e filosofía, recibe a cotío a estudantes e investigadores
Valga, 2 de marzo de 2018.
As bibliotecas municipais incorporaron aos seus fondos durante o pasado ano 378 libros e pasaron a contar cun total de 41.574 volumes catalogados a disposición dos seus socios e, en xeral, dos veciños de Valga e lectores doutras localidades da contorna. Foron 5.046 os préstamos e renovacións que xestionaron as bibliotecas valguesas en 2017.
O centro de lectura de Cordeiro, emprazado na planta baixa do Auditorio Municipal e aberto de luns a venres de 16 a 20 horas, é o que conta cun maior número de libros: 25.482, logo de incorporar no último ano 232. Deste total, 20.768 son para adultos e 4.057 para público infantil. No tocante ao idioma, 15.976 están escritos en castelán, 8.850 en galego e 63 en inglés. Tamén hai exemplares en francés e italiano.
Esta biblioteca xestionou durante o pasado ano 4.958 préstamos e renovacións, dos que 3.266 foron de lectores infantís e 1.692 de adultos. Conta con 1.006 socios, dos que están activos arredor de 400. Durante o ano 2017 sumou 79 socios novos. Os seus fondos están engrosados por libros das máis variadas temáticas e xéneros, se ben o máis demandado polos usuarios son a narrativa e as publicacións infantís.
A biblioteca municipal de Valga, situada na Casa da Cultura e aberta de luns a venres de 18:30 a 20 horas, conta cun total de 6.920 volumes despois de incorporar o pasado ano 146. Deles, 3.066 están escritos en castelán, 3.841 en galego e os restantes en inglés. Este centro suma 226 socios e xestionou 88 préstamos en 2017, 38 adultos e 50 infantís. Atópase, ademais, nesta biblioteca o Fondo Clemente Matos, integrado por 911 exemplares, entre eles diccionarios, enciclopedias e libros dos máis diversos xéneros e temáticas como prosa, narrativa, teatro, lírica e incluso música. Foron doados no ano 2009 polo valgués Clemente Matos Buceta.
Os centros de lectura xestionados polo Concello recibiron nos últimos anos outras doazóns de Lucía Esther Ramos Domínguez, Julia Quintáns Rezo, María Dolores Lestido García, Tomás Fábanos Muros, Laura Martínez Ferradás, José Manuel Vicente Potel, Jorge Gago Magariños, José Manuel Blanco Blanco, Alicia Soto e o Pai Isorna, ademais doutros benefactores anónimos.
A biblioteca Pai Isorna
A biblioteca Pai Isorna, inaugurada no ano 2011, é unha das maiores bibliotecas públicas de teoloxía de toda Galicia. O franciscano Fillo Predilecto de Valga doou ao Concello un total de 13.821 exemplares, dos cales 7.925 conforman este centro de consulta e estudos sobre teoloxía e filosofía, emprazado no ático do Auditorio Municipal. Á área de estudo, aberta de 9 a 13 horas e tamén polas tardes, acoden a cotío investigadores e estudantes de oposicións.
A doazón do Pai Isorna incluíu tamén unha colección de DVD con misas oficiadas por el en galego e emitidas no seu día na Televisión de Galicia, así como obras sobre literatura histórica e moderna, arte, psicoloxía, novelas ou poesía, entre outras temáticas e xéneros. Destacan 336 volumes anteriores ao ano 1925.