- Nenos a partir de 3 anos e as súas familias puideron asistir gratuitamente á función
- O 22 de outubro continúan as actividades co espectáculo “A cabeza do dragón” no Auditorio
Valga, 6 de outubro de 2021.
As actividades do programa de animación á lectura “Ler conta moito” continuaron onte na Casa da Cultura de Valga coa representación de teatro infantil “Díxoo Thais e non se fale máis”, da compañía A Run Run.
O espectáculo, baseado nun conto, centrouse na historia de Thais, unha nena que vén dunha familia de mulleres ladroas e pensa que o seu oficio xa está predestinado por esa saga familiar. Ata que descubre que non só roubando se pode gañar a vida. No seu desenrolo a obra tratou temas coma os estereotipos de xénero relacionados co ámbito laboral.
Eva Tato e Galicia Gutiérrez foron as actrices que protagonizaron a función, acompañadas no escenario por Toño Fernández que puxo a música en directo.
Esta actividade estivo organizada polas bibliotecas municipais, que para as vindeiras semanas teñen programadas novas iniciativas para os rapaces e as súas familias. O 22 de outubro a compañía Títeres Cachirulo estará no Auditorio co espectáculo “A cabeza do dragón” e o día 25 pecharase a programación de “Ler conta moito” con “A festa dos monicreques” na Casa da Cultura.
Todas estas actividades son gratuítas.