Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Un soño foi o que animou a esta veciña da Devesa a iniciarse no mundo da pintura

- A temática das súas obras é diversa: paisaxes, retratos, animais ou espiritualidade

ExpoMJCastiñeiras1

Valga, 30 de setembro de 2021.

A sala de exposicións do Auditorio Municipal ten novo contido, unha colección de cadros da valguesa Mª José Castiñeiras Serantes que pode verse durante todo o mes de outubro baixo o título “Camiño á eternidade”.

A historia da relación entre Mª José, veciña de A Devesa (Campaña), e a pintura é curiosa. Aos seus 52 anos nunca collera un pincel ata uns meses antes do confinamento, cando un soño a animou a probar sorte con esta nova afección. “Tiven un soño e vinme con cadros, coma se estivera pintando. Entón decidín mercar un lenzo e pintura e probei, sen ir a ningunha clase nin nada. Dende entón xa fixen uns sesenta cadros” nos que “plasmo o que me sae do corazón, cousas que vexo ou mesmo que soño”.

“Todo o mundo tempos dons ocultos que descoñecementos e, ás veces, de forma inesperada saen á luz. Iso foi o que me pasou a min”, explica Mª José Castiñeiras. Ela pinta na súa casa. “O meu home regaloume un cabalete e traballo nun estudo que teño. O confinamento veume moi ben” para desenvolver a súa nova vocación artística da que di que lle axuda a relaxarse.

A temática das súas obras é do máis variado e inclúen paisaxes, retratos ou animais, se ben “a maior parte están relacionadas co mundo espiritual”. Ademais, tamén pinta figuras decorativas e de xardín. Iso sí, “cando empezo a pintar algo teño que terminalo, léveme dúas ou oito horas”.

A exposición que agora protagoniza no Auditorio será para moitos dos seus veciños e achegados unha verdadeira sorpresa porque “ninguén sabía que pintaba e que tiña esta capacidade”, comentoulle ao alcalde, José María Bello Maneiro, durante unha visita que realizou onte á mostra acompañado polo concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e as edís Begoña Piñeiro e Carmen Gómez.

ExpoMJCastiñeiras2 ExpoMJCastiñeiras3

ExpoMJCastiñeiras4 ExpoMJCastiñeiras5

ExpoOutubro21

Volver