Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O libro “As ribeiras do Ulla no século XVIII” acaba de ser publicado polo Concello

- O alcalde e o concelleiro de Cultura participaron no acto que tivo lugar no Museo da Historia

RamonFalcon10

Valga, 25 de setembro de 2021.

A investigación “As ribeiras do Ulla no século XVIII. Os usos da auga”, gañadora da XXI edición do Premio Xesús Ferro Couselo, presentouse onte no Museo da Historia, nun acto no que participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, así coma o autor do traballo, o cambadés Ramón Falcón.

A obra, editada polo Concello, estuda como o río Ulla condicionou a vida da xente nas súas ribeiras ao longo dos seus 132 quilómetros, dende o seu nacemento nas terras da Ulloa ata a súa desembocadura na Ría de Arousa. Analízase como, durante o século XVIII, o aumento demográfico conlevou un importante incremento da produción agraria e, polo tanto, unha maior presión sobre os recursos hídricos dispoñibles. Isto provocou unha maior conflitividade arredor das augas.

Entre os diferentes usos da auga que se examinan nesta investigación destacan o agrícola (auga para rega), o proto-industrial (muíños, batáns e fábricas de papel), a pesca e as vías de comunicación.

Entre os datos destacados polo autor está a existencia de 622 muíños en toda a conca hidrográfica do Ulla, un por cada seis veciños. “O máis curioso que atopei estaba en Cordeiro, tiña un sistema de captación dobre no que unha roda funcionaba por canle e outra por cubo”, indicou.  Sen embargo, os batáns eran moito máis limitados e só había cinco en todo o curso do río.

No tocante á pesca apenas existen datos, coa única excepción da pesca da lamprea, que era unha especie moi prezada na época.

Ramón Falcón sinalou, ademais, que, ao contrario que outros cauces fluviais, o río Ulla nunca foi por si mesmo unha vía de comunicación, senón que constituíu historicamente unha barreira entre os veciños dunha e outra marxe ao non ser navegable na meirande parte do seu percorrido. Isto obrigou á construción de pontes que favoreceran as conexións. Na época obxecto de estudio, denominada Pequena Idade de Xeo, sucedéronse as riadas que levaron por diante boa parte destas pontes. Unha delas era a existente en Santa Comba de Louro (actual parroquia de Cordeiro), que non chegou a reconstruírse e foi substituída por un sistema de barcas para transporte.

Unha vez presentadas as conclusións do seu traballo, Ramón Falcón transmitiu o seu “agradecemento persoal e como investigador ao Concello de Valga por manter durante tantos anos este premio, que é obxectivo para moitos investigadores galegos. Eu había anos que quería presentar un traballo sobre o río Ulla a este certame e o confinamento permitiume rematalo”.

O alcalde, para pechar o acto, remarcou que ser elixido como gañador do Premio por un xurado composto por catedráticos da Universidade e o neto de Ferro Couselo “é unha garantía de que o traballo é bo”.

RamonFalcon2        RamonFalcon3

Volver