- A actividade complementa a formación teórica e práctica que levan meses recibindo e trata de favorecer a súa inserción laboral
- O Obradoiro conta cos módulos de albanelería e forestais, nos que participan mozos de 18 a 30 anos
Valga, 23 de setembro de 2021.
O alumnado do Obradoiro de Emprego “Xóvenes Moraña-Valga” participaron esta mañá nunha visita á empresa Extrugasa, en Campaña.
Estiveron acompañados pola directora, Mª del Carmen Vidal, e o docente da especialidade de forestais e foron recibidos polo presidente e fundador da empresa, Andrés Quintá, que lles explicou a súa traxectoria profesional dende os seus comezos ata converterse nunha das industrias líderes en extrusión de aluminio.
Quintá animou aos aprendices a tentar abrir cantas máis portas mellor no mercado laboral e a cultivar a cultura do esforzo para conseguir os seus obxectivos profesionais.
O presidente de Extrugasa guiou aos integrantes do Obradoiro de Emprego polas instalacións da empresa e explicoulles o proceso produtivo e as distintas fases da extrusión do aluminio. Ao remate, os alumnos cubriron a ficha de solicitude de posto de traballo e acompañárona do currículo que fixeron no propio Obradoiro.
Esta visita, ademais de ter un carácter formativo, enmarcouse nos traballos que está a realizar a dirección do Obradoiro, conxuntamente cos concellos de Valga e Moraña, para favorecer a inserción laboral dos alumnos, realizando contactos con diferentes empresas da comarca nas que poden atopar saída profesional.
O Obradoiro “Xóvenes Moraña-Valga”, que deu comezo en novembro de 2020, ten unha duración de doce meses e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 91’89%, a través do Programa Operativo 2014-2020.