Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A psicóloga e a avogada atenderán ás usuarias entre as 16:00 e as 19:00 horas de luns a xoves

- O CIM tamén funcionará os dous primeiros sábados de cada mes de 10:00 a 12:00

CIMlogo

Valga, 23 de setembro de 2021.

O Centro de Información á Muller (CIM) de Valga amplía, a partir do vindeiro 1 de outubro, o seu horario para tratar de chegar a un maior número de persoas usuarias, converténdoo nun servizo de referencia para as mulleres, cara as que está orientado, pero tamén para outros colectivos que precisen de asesoramento en ámbitos coma o familiar ou laboral, entre outros.

Deste xeito, o CIM prestará servizo polas tardes de luns a xoves, entre as 16:00 e as 19:00 horas. Os luns, mércores e xoves estará a psicóloga, Belén Gavin, e os martes a avogada, Ángela Fernández. Esta última, tamén ofrecerá asistencia xurídica os venres pola mañá, de 10:00 a 13:00 horas.

Ademais, o centro tamén abrirá durante algunhas fins de semana, en concreto dous sábados ao mes de 10:00 a 12:00 da mañá. O primeiro sábado de cada mes ofrecerase atención psicolóxica e o segundo, asesoramento xurídico.

Manterase, como é habitual, a actividade do CIM durante as mañás de luns a venres. Tanto no CODI, da man da directora e coordinadora do centro, Teresa García, coma nas oficinas do Concello, a través do departamento de Sevizos Sociais e coa axente de igualdade. Así mesmo, está dispoñible a liña telefónica 636 75 79 69.

Ao marxe dos horarios establecidos, as profesionais do CIM tamén estarán a disposición das usuarias en caso de emerxencia ou necesidade urxente.

Con esta remodelación preténdese ofrecer as máximas horas posibles de servizo para as mulleres, outros colectivos sociais e familias que precisen de asesoramento.

Este é un servizo completamente gratuíto no que se respectan a confidencialidade, o anonimato e a privacidade das persoas usuarias. Se ben o CIM está principalmente orientado ás mulleres en situación de vulnerabilidade, vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos, tamén se atenden outras problemáticas de índole familiar ou laboral e se presta apoio psicolóxico e xurídico a outros colectivos que o demanden, coma pode ser o LGTBI.

 

Durante este mes de setembro instalouse no Auditorio Municipal un punto sobre a igualdade que ofrece información sobre o CIM para divulgar a súa actividade entre a poboación.

Volver