- A actividade, que se prolonga ata mañá domingo, é organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas
- Na xornada de hoxe os participantes están a coñecer algúns dos principais recursos turísticos de Valga, coma a Mina Mercedes, o Museo e o Belén
Valga, 11 de setembro de 2021.
O espazo fluvial de Vilarello é durante esta fin de semana punto de encontro de arredor dun cento de autocaravanas.
Convocados pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), os vehículos comezaron a chegar a Vilarello onte á tardiña quedando estacionados nos arredores da área de servizo habilitada hai tempo polo Concello para tratar de potenciar no municipio este tipo de turismo. O espazo reservado para os vehículos abarca dende a zona de aparcamento da praia fluvial ata parte dos camiños paralelos á vía do ferrocarril, tanto en dirección a Vilar como cara Campaña.
Durante a xornada de hoxe os participantes na concentración están a coñecer Valga e os recursos turísticos que ofrece aos visitantes. Ademais de gozar do fermoso entorno de Vilarello, esta mañá realizaron unha andaina a outra das principais zonas de esparexemento do municipio: a Mina Mercedes.
Percorreron os sendeiros e paseos que circundan a lagoa –a maior de orixe non natural da provincia de Pontevedra, cunha extensión duns 30.000 metros cadrados– e gozaron deste entorno natural que conta con importantes comunidades vexetais e no que abondan, tamén, as poboacións de patos e gansos, entre outras especies de fauna avícola.
Pola tarde, tralo xantar, os autocaravanistas retomarán a súa actividade turística con senllas visitas ao Museo da Historia e ao Belén Artesanal en Movemento. No Museo serán recibidos pola técnica responsable das instalacións, Vanessa Losada, que lles explicará os aspectos máis salientables do territorio, o patrimonio e a cultura de Valga, destacando figuras coma as de Xesús Ferro Couselo ou a Bella Otero.
No Nacemento de Campaña poderán gozar coa montaxe da Asociación Amigos do Belén, que conta con arredor de 4.000 figuras feitas todas de xeito artesanal e na que escenas propias da tradición de Nadal comparten protagonismo con paisaxes e costumes galegas e acontecementos e persoeiros de relevancia local, nacional e mundial.
A concentración de autocaravanas rematará mañá cunha reunión de socios de AGA no Auditorio Municipal.