Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Augas de Galicia financiará integramente as actuacións, que inclúen o encauzamento dun tramo do Louro e a construción dun novo muro no río Valga

- Tamén se executarán melloras no espazo comprendido entre A Devesa e a vía do ferrocarril

RioValgaDevesa

Valga, 8 de setembro de 2021.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinaron nas últimas horas o convenio de colaboración para executar unha serie de actuacións nos ríos Valga e Louro que minimizarán o risco de inundacións.

Estas obras conlevarán un investimento de 1’25 millóns de euros que serán aportados, integramente, pola Xunta de Galicia a través do programa operativo Feder 2014/2020, mentres que o Concello se encargará da posta a disposición dos terreos necesarios e de realizar as xestións pertinentes para posibilitar a execución dos traballos.

Trátase de actuacións que están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Ulla e Sar. Para iso, Augas de Galicia preveu as distintas opcións para o desenvolvemento de intervencións que contribúan a minimizar o risco de asolagamento.

Os traballos de redacción do proxecto que afecta ao río Louro xa están adxudicados. Este contrato permitirá definir as medidas para encauzar este río nunha lonxitude de preto de 600 metros desde augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 ata a zona baixo a liña ferroviaria.

Tamén está adxudicada a redacción do proxecto para a protección da marxe dereita do río Valga, que inclúe a demolición do muro existente nesa ribeira do río, inmediatamente augas arriba da estrada N-550, e a súa substitución por outro muro sobre o que se aplicarán técnicas de bioenxeñería.

A estas intervencións súmase a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e A Devesa, cuxa redacción de proxecto está xa en fase de contratación.

Volver