- Nove artistas e agrupacións pasaron durante toda a fin de semana polo escenario do Auditorio
- O alcalde e a concelleira Malena Isorna asistiron onte á xornada de clausura
Valga, 6 de setembro de 2021.
A música da Banda Municipal de Valga, a voz de Uxía Senlle e a gaita de Susana Seivane puxeron onte o broche ao Festival Confluencias, que durante toda a fin de semana se celebrou no Auditorio Municipal, baixo a organización da Escola de Música e Musival e coa colaboración do Concello e da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Dúas das grandes figuras da escena musical galega acompañaron á Banda de Valga na xornada de clausura do festival. A agrupación dirixida por Manuel Villar Touceda foi a encargada de abrir os concertos do domingo, seguida de Uxía, unha das renovadoras da música tradicional galega con máis de 30 anos de carreira artística ás súas costas. O colofón chegou con Susana Seivane, unha das gaiteiras galegas con maior recoñecemento nacional e internacional, que presentou unha compilación de todos os seus traballos cun son moderno e actual.
Durante toda a fin de semana nove artistas e agrupacións pasaron polo escenario do Auditorio nesta primeira edición de “Confluencias”. A Orquestra Clásica de Valga, o Ensamble CSM Galicia e El Barullo inauguraron o festival o venres, mentres que o sábado tomaron o relevo a solista galego-suíza Nastasia Zürcher, a banda de jazz Alfonso Calvo Septet e Abe Rábade Trío.
Fotografías: Cristina Padín