- “Fábulas da montaña” represéntase o venres, día 10, a partir das 20:00 horas
- A montaxe, dirixida a público familiar, narra a mocidade da escritora e algunhas das súas fábulas
Valga, 6 de setembro de 2021.
A actividade cultural continúa no Auditorio Municipal, que a próxima fin de semana recibirá á compañía teatral Larrait Producións Artísticas, que porá en escena unha montaxe con monicreques que rende homenaxe á escritora, xornalista e activista galega Concepción Arenal.
O espectáculo “Fábulas da montaña”, creado e dirixido por Inacio Vilariño, está baseado no libro “Fábulas en verso orixinais”, o único traballo da autora específico para a infancia. A actriz e titiriteira Larraitz Urruzola interpreta a Concepción Arenal e narra con monicreques momentos da súa infancia e mocidade, así como adaptacións das súas fábulas. Acompáñaa sobre o escenario a pianista Merran Laginestra, no papel de amiga da escritora e que interpreta en directo temas populares e de Marcial do Adalid, compositor galego coetáneo da ferrolá e alcumado “O Chopin Español”.
A actividade, na que colaboran a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, terá lugar o venres, día 10, a partir das 20 horas. A entrada é gratuíta para todo o público que queira asistir ata completar o aforo.