Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Mañá tomarán o relevo a solista Nastasia Zürcher, a banda de jazz Alfonso Calvo Septet e Abe Rábade Trío

- As entradas poden adquirirse a través de www.ataquilla.com

FConfluencias1

Valga, 3 de setembro de 2021.

A música do festival “Confluencias” soa dende esta tarde no Auditorio Municipal. Agrupacións da Escola Municipal de Música e do Centro Superior de Música (CSM Galicia) foron as encargadas de abrir o telón do festival, que durante toda a fin de semana ofrecerá unha diversidade de estilos e sons.

A Orquestra Clásica de Valga, que vén de actuar este verán en Astorga, foi a primeira en subir ao escenario con oito violíns, dúas violas, catro violoncellos, dous contrabaixos e un clave. Todos baixo a dirección de Manuel Villar Touceda e acompañados pola soprano Anna Melikhova.

Tomou o relevo o Ensamble CSM Galicia, unha agrupación formada por alumnos do Centro Superior de Música: Yuri Durán ao piano, Paula Díaz e Adriana Rodríguez cos clarinetes e as sopranos Elisabet Lustres e Andrea Mosteiro.

Para pechar a primeira xornada actuou El Barullo, composto polos músicos arxentinos Alejandro Casquero ao piano e Alejandro Szabo co badoneón. Interpretaron un repertorio variado que conxugou modernidade e tradición.

Mañá continuará soando a música no Auditorio a partir das 18:00 horas, da man da solista galego-suíza Nastasia Zürcher, que estará acompañada polo pianista Adrián Saavedra, a banda de jazz Alfonso Calvo Septet e, por último, Abe Rábade Trío.

Os pratos fortes do festival chegarán o domingo, coa Banda Municipal de Valga, Uxía Senlle e Susana Seivane.

As entradas para as próximas dúas xornadas poden adquirirse a través de www.ataquilla.com.

“Confluencias” é unha iniciativa da Escola Municipal de Música e da asociación Musival, que contan coa colaboración do Concello e da Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Nace con vocación de continuidade e co obxectivo de converter a Valga en foco das miradas da industria cultural galega, aproveitando ademais o pulo do Xacobeo 21-22. O nome do festival alude á condición de vila xacobea de Valga, onde conflúen dous dos principais Camiños de Santiago: o Portugués, segundo en número de peregrinos, e a Ruta Marítimo-fluvial, a orixe de todos os camiños pola que chegou o corpo do Apóstolo, tal e como lembrou o alcalde, José María Bello Maneiro, que asistiu a esta xornada inaugural. “Confluencias” refírese, ademais, ao propio carácter do festival, no que converxen diversos estilos musicais: música clásica, de cámara, jazz, folk…

FConfluencias2 FConfluencias3

FConfluencias4FConfluencias5

Volver