Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Continuarase coa obra iniciada o pasado curso, cando se cubriu a zona de bancadas

- O delegado da Xunta e o alcalde anunciaron hoxe a actuación durante unha visita ao centro

IESCuberta1

Valga, 1 de setembro de 2021.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, acompañaron esta mañá ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nunha visita ao IES de Valga na que se anunciou o próximo investimento de case 220.000 euros no remate das obras de cubrición das pistas deportivas do centro.

Esta actuación iniciouse o pasado curso cunha primeira fase na que se cubriron as bancadas e agora rematarase o proxecto dando continuidade á cuberta en toda a pista, empregando o mesmo sistema construtivo e os mesmos materiais. O resultado será unha cubrición de 1.220’45 metros cadrados de superficie, dos cales 199 xa están instalados e 1.021’45 serán de nova construción.

Os traballos licitáronse o luns e está previsto que se executen durante o primeiro trimestre do vindeiro curso escolar 2021/2022 e, segundo apuntou o delegado, “serán compatibles coa actividade docente”. O alcalde agradeceu este novo investimento da Consellería nos centros educativos de Valga. “Noticias coma a que nos veñen a dar hoxe sempre son satisfactorias”, dixo o rexedor, que pediu que “as obras se axilicen ao máximo” para que a zona cuberta poida estar dispoñible a comezos do inverno.

Contar cun espazo exterior cuberto que permita ao alumnado pasar os recreos e agardar antes de entrar ás clases nos días de chuvia é unha vella reivindicación da comunidade educativa do IES, especialmente dende que comezou a pandemia, xa que en xornadas chuviosas os estudantes víanse na obriga de rotar para poder estar ao aire libre nos recreos mantendo a distancia de seguridade e cumprindo os protocolos de prevención.

Para resolver esta situación, e dotar ao IES dun espazo cuberto aínda que fora de forma provisional, o Concello instalou durante o curso pasado unha carpa para que o alumnado puidese saír ao patio con seguridade. O director do IES, Eliseu Mera, agradeceu “a xenerosidade do Concello” con esta acción e amosouse satisfeito porque a carencia de espazos exteriores cubertos vaia a solventarse. “É importante para o alumnado e tamén para o centro, que é moi dinámico e realiza múltiples actividades que sempre estaban a expensas da climatoloxía”.

IESCuberta2 IESCuberta3

 

Volver