Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os produtos distribuiranse entre as familias de Valga en situación de vulnerabilidade

- Segue aberto o prazo para solicitar no Concello as axudas de emerxencia social

AlimentosAgostoGastronómico1

Valga, 31 de agosto de 2021.

As actividades organizadas no marco do “Agosto Gastronómico”, que o Concello puxo en marcha durante este último mes como parte da programación da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, conseguiron xuntar 175 quilos de alimentos para axudar ás familias en situación de vulnerabilidade do noso municipio.

Os cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía, Fran Jamardo, Coque Fariña e Rocío Garrido, fixeron esta mañá entrega dos alimentos ao Concello nun acto que tivo lugar no Centro de Interpretación da Caña do País e ao que asistiron a tenente de alcalde, Carmen Gómez, a concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro, e unha traballadora do departamento de Servizos Sociais.

Os produtos non perecedoiros foron aportados polos participantes en cada unha das actividades, que eran gratuítas pero tiñan esta parte benéfica. Os tres showcookings de pratos con caña, receitas con anguía e cócteles e máis a cata-maridaxe contaron con arredor dun cento de asistentes, aos que hai que sumar a vintena de nenos que acudiron ao obradoiro de cociña e á ducia de mozos que concursaron no “Anguía Chef”.

A lista de alimentos aportados inclúe 35 quilos de pasta, 30 quilos de arroz, 29 de legumes, 17 litros de aceite e vinagre, 15 quilos de galletas e cereais, 10 de conservas 9 quilos de azucre, 8 litros de refrescos, 5 quilos de fariña, 3 quilos de café, 3 litros de leite, 3 litros de zumes e 1 quilo de cacao, entre outros produtos.

Todos serán agora clasificados e almacenados polo departamento municipal de Servizos Sociais para o seu reparto entre as familias sen recursos, en situación ou risco de exclusión.

Neste sentido, lémbrase que está aberto o prazo para solicitar os diferentes tipos de axudas de emerxencia social:

  • Alimentación: compra de alimentos e pagamento de servizos de restauración.
  • Uso de vivenda: pagamento de débedas de alugueiro e hipotecarias, acondicionamento de habitabilidade, mobiliario e enxoval da vivenda, estancias temporais nun centro residencial ou nun establecemento hoteleiro.
  • Pago de recibos: electricidade, leña ou equivalentes, gas, gasóleo ou auga.
  • Produtos de hixiene e limpeza.
  • Farmacia.
  • Electrodomésticos básicos: lavadora, quentador, cociña, frigorífico, deshumidificador...
  • Desprazamentos a recursos asistenciais ou sanitarios fóra do concello.
  • Lentes e audífonos.
  • Tratamentos de odontoloxía non financiados polo Servizo Galego de Saúde.
  • Produtos de apoio: camas articuladas, guindastres, colchóns antiéscaras, cadeiras e barras de ducha ou baño, andadores...
  • Atención de carácter complementario: destinadas a persoas con algunha discapacidade ou dependencia (fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional e/ou psicolóxica).

Estas axudas son convocadas pola Deputación en colaboración co Concello de Valga e poden solicitarse no departamento municipal de Servizos Sociais. Diríxense a persoas que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo e que carezan de ingresos suficientes para facer fronte aos gastos polos que se solicita a axuda. Teñen preferencia aquelas persoas con menores ao seu cargo.

AlimentosAgostoGastronómico2 AlimentosAgostoGastronómico3

AlimentosAgostoGastronómico4

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver