Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O centro comezou o curso con 48 alumnos, que aumentaron ata 67 nos últimos meses

- O alcalde pon á escola como exemplo da “solidariedade” de Valga, que “ofrece servizos a veciños de toda a comarca”

guarde1

Valga, 1 de marzo de 2018.

A Escola Infantil Municipal de Valga inaugurou esta mañá unha nova aula mixta para nenos de 0 a 3 anos de idade, unha medida que adoptou a dirección do centro, en coordinación do Concello, debido ao incremento de matriculacións nos últimos meses. Cando comezou o curso educativo a escola contaba con 48 alumnos inscritos, unha cifra que aumentou ata os 67 nenos actuais.

Con esta son cinco as aulas que ten en funcionamento a Escola Infantil Municipal, que aínda conta con capacidade para un grupo máis. A apertura da nova aula conlevou, ademais, a incorporación dunha mestra, de maneira que son agora oito as docentes coas que conta o centro. A elas súmase de xeito periódico o profesor da Escola de Música Antonio Bravo, que imparte sesións de musicoterapia tanto na Escola Infantil coma no CODI.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, achegáronse esta mañá á Escola Infantil para supervisar a nova distribución do alumnado. O rexedor destacou que os nenos que se incorporaron ao centro recentemente proceden tanto de Valga como doutros municipios limítrofes. “Valga é unha localidade solidaria que ofrece servizos a veciños de toda a contorna. A Escola Infantil é só un exemplo, pero tamén sucede coa Escola Música, o Centro de Día ou o CODI”.

guarde2

Volver