Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os veciños da zona, con material aportado polo Concello, instalaron mobiliario, unha grella e novos xogos no parque infantil

- Vilarello levou o segundo premio, Beiro foi terceiro e Barcia gañou o galardón especial ao mantemento

GañadoresEmbelecer21

Valga, 31 de agosto de 2021.

O campo da festa de Campaña foi elixido como o lugar máis fermoso de Valga. As obras executadas polos veciños da zona, con materiais aportados polo Concello, foron as máis valoradas polo xurado do concurso “Embelecer Valga”, que o pasado día 21 percorreu dos dezasete parques e espazos públicos acondicionados.

No caso de Campaña, os traballos realizados incluíron o acondicionamento de todo o perímetro do campo e a súa ornamentación con flores, testos e outros elementos decorativos. Tamén se ampliaron os xogos do parque infantil coa instalación dun areeiro e unha torre de madeira e, nunha zona anexa, colocáronse unha mesa e dous bancos de pedra e máis unha grella. O empedrado do piso e a dotación de mobiliario coma papeleiras completaron a actuación.

A comisión veciñal de Campaña creada para participar no certame foi premiada con 300 euros, un diploma e un trofeo que recolleron o pasado sábado no acto institucional da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País celebrado no Parque Irmáns Dios Mosquera.

Nese mesmo acto, os lugares de Vilarello e Beiro recibiron o segundo e terceiro premio do concurso, gratificados con 200 e 100 euros respectivamente. En Vilarello os traballos acometidos polos veciños da aldea consistiron na limpeza e mantemento das zonas do parque, o lavadoiro e a casa veciñal, espazos nos que tamén levaron a cabo tarefas e ornamentación e decoración. Por exemplo, incorporaron ao parque uns orixinais testos para as plantas pintados por eles mesmos.

Ademais, nun espazo próximo ao parque colocaron unha nova malla de peche.

En Beiro, pola súa parte, as obras consistiron no mantemento e limpeza do parque e do lavadoiro, incorporando novos elementos ornamentais. A casa veciñal foi dotada dunha nova grella e acondicionouse unha zona de paso cara ao lavadoiro con arborado, flores, unha mesa e dous bancos de pedra.

Por último, entregouse un premio especial ao lugar cun mellor mantemento durante todo o ano. Este galardón, dotado con 150 euros, recaeu no lugar de Barcia, no que este ano, ademais, os veciños volveron a realizar novos traballos de acondicionamento e embelecemento do parque.

Tamén participaron nesta edición de “Embelecer Valga” os lugares de Eirexe (Campaña), Canle, Casaldeirigo, Eiras, Ferreirós, Gándara, Raxoi, Setecoros e Vilar, así coma o Cordeiro C.F. e máis os centros educativos CEP Xesús Ferro Couselo, CEIP Baño-Xanza e CRA de Valga. Todos recibiron unha gratificación de 100 euros e un diploma.

          Embelcer21Campaña                         Embelecer21Vilarello

Embelecer21Beiro              Embelecer21Barcia

Volver