- O Mandil de Prata foi para a Cafetería do Auditorio e o de Bronce para Bar Potel
- Entre as persoas que participaron na votación da mellor tapa sorteáronse dez vales de 30 euros
Valga, 30 de agosto de 2021.
O Bar Pardal e a Pastelería Caprichos son os establecementos gañadores da VIII Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”. Ambos foron galardoados co Mandil de Ouro polas tapas presentadas a esta edición da ruta. No caso de Caprichos, unha hamburguesa de anguía con salsa criolla caramelizada, e Pardal cunha tosta de anguía á prancha con xelatina de tomate e aceite.
Un dos dous mandís de Ouro, o do Bar Pardal, foi outorgado por votación popular, ao igual que os mandís de Prata e Bronce. A Cafetería Auditorio clasificouse no segundo posto co seu “Pote de anguía”, no que o peixe guisado se acompañaba de patacas, ameixas e hortalizas. O terceiro premio foi para outro guiso de anguía, o do Bar Potel.
Pola súa parte, o xurado profesional encargouse de outorgar un premio único, o da Pastelería Caprichos. A súa hamburguesa será degustada na próxima edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Este xurado estivo integrado polos cociñeiros Fran Jamardo e Coque Fariña e a técnica municipal Vanessa Losada.
No marco da Ruta-Concurso sorteáronse, ademais, dez vales de compra de 30 euros cada un para gastar no comercio local. Nesta rifa participaron todas as persoas que, durante a fin de semana do 21 e 22 de agosto votaron pola mellor tapa. As papeletas cos nomes dos agraciados foron extraídas polos catadores do Concurso da Caña do País na tarde do venres, día 27.
Os gañadores foron: Josefa Eiras Barreiro, Ángel Manuel Souto Cordo, Coxo Chevi, Emilio Fernández Buceta, Alfonso Gasamanes Barreiro, Isabel Gasamanes García, Plácido Bejo Buceta, José Antonio Conde Padín, Esteban Bermúdez Touceda, Mª Carmen García Costa.