- O cocteleiro Diego Dasilva empregou augardente de Valga para elaborar catro combinados diferentes
- Arredor dun cento de persoas participaron nos showcookings e catas organizados durante todo este mes
Valga, 29 de agosto de 2021.
Os exteriores do Centro de Interpretación da Caña do País recibiron este mediodía ao cocteleiro profesional Diego Dasilva, que realizou unha demostración de elaboración de cócteles en directo ante vinte e cinco persoas.
Empregou como ingrediente estrela a augardente de Valga –nas súas variedades máis tradicionais: branca, de herbas e tostada– para preparar catro combinados pensados específicamente para esta cita. A degustación comezou co “Oroliu”, inspirado no mojito, e que mistura caña branca, lima, herba luisa e azucre. Do frescor desta proposta pasouse á dozura do segundo cóctel, unha verdadeira lambetada que combinaba xeado de chocolate, angostura, caña tostada, caramelo líquido e xarope de framboesa.
“Explosión” foi o nome da terceira bebida que Diego Dasilva preparou en vivo. Caña de herbas, tónica, mazá verde e curri en po provocaron un auténtico estalido de sabores na boca dos participantes. Para pechar a degustación regresou o doce co cóctel “Freviant”, con base de caña branca e crema de augardente, amorodos, esencia de vainilla e azucre.
Con esta actividade pechouse a programación da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País e do “Agosto Gastronómico”. Durante todo mes de agosto, os chefs de Indo e Vindo Gastronomía, Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña, ofreceron showcookings e unha cata-maridaxe coas que amosaron a versatilidade culinaria dos dous produtos que se exaltan na festa: a anguía e a caña. Propuxeron maneiras diferentes de cociñar con eles, con receitas innovadoras e sorprendentes que permitiron aos asistentes redescubrir estes dous ingredientes.
Arredor dun cento de persoas participaron nestas actividades gastronómicas, que foron gratuítas pero tiñan un carácter solidario. Cada un dos asistentes tivo que entregar un quilo de alimentos non perecedoiros que se entregarán ao departamento de Servizos Sociais para distribuír entre familias en situación de vulnerabilidade.
Obradoiro para nenos e concursos
Ademais, realizouse un obradoiro de cociña ao que asistiron vinte nenos e varios concursos, coma o “Anguía Chef”, no que mozos de 13 a 18 anos competiron por ser os mellores cociñando anguía. Os gañadores foron Álex Cortés, Arón Magán, Gustavo Tarrío, Marcos Gil e Pedro Ramos, que o sábado recibiron o seu premio: unha xornada no kartódromo e unha cea no Bar Pontellón. As segundas clasificadas, Noa Piñeiro, Mirian Magariños, Alexandra Bandín e Sara Rodríguez, foron agasalladas cunha cea no mesmo establecemento.
Tamén se organizaron senllos concursos de fotografía e receitas. O certame fotográfico “Valga. Anguía, caña e camiño” tivo como gañadores a Rosa María Pérez Caparrós, de Barcelona, na categoría “Anguía”; Luis Portas Baulde, de Vilanova de Arousa, na categoría “Caña”, e Yolanda Mallón Bouzada, de Vilagarcía, na categoría “Camiño”.
A gañadora do I Concurso de Receitas con anguía e caña foi Belén Pedreño Abeijón, de Santiago, cunha “Tosta de pan de broa, queixo San Simón e tenreira galega flambeada e salseada con caña do país”.
Os catro recibiron como premio un lote de produtos galegos valorado en 100 euros.