Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os catadores, aos que se incorporou Marisa Vázquez Tubío, realizaron onte unha primeira selección de augardentes

- Os produtores das mellores cañas, que se darán a coñecer mañá, repartiranse 700 euros en premios

Precata21 1

Valga, 27 de agosto de 2021.

O Concurso Tradicional da Caña do Pais deu comezo onte coa participación de vinte e cinco licores das variedades branca, de herbas e tostada.

O Centro de Interpretación da Caña do País albergou a precata na que se realizou unha primeira selección de augardentes de cara á final desta tarde. O equipo de catadores contou cunha nova incorporación, a de Marisa Vázquez Tubío, que se sumou aos xa habituais Manuel Blanco Picón, Juan Carlos García Busto, Mª Dolores Catoira Piñeiro e Ricardo Abuín Mariño.

Degustaron e avaliaron once cañas brancas, nove de herbas e cinco tostadas, en base a criterios coma o aroma, a cor, o sabor e o que os catadores denominan “as adoas”, referíndose ás burbullas que se forman na superficie do licor despois de axitalo.

Esta tarde a partir das 20:00 horas terá lugar a cata final, para a que se clasificaron cinco augardentes brancas, cinco de herbas e catro tostadas. Volverán a catarse todas para, finalmente, determinar aos gañadores de cada modalidade. Os galardoados como mellores produtores daranse a coñecer mañá sábado durante os actos da XXX Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

O produtor da mellor caña branca será gratificado con 300 euros, mentras que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 200 euros. Os segundos clasificados recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo.

Actividades da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña

As actividades da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País encaran a súa recta final nesta fin de semana. Hoxe, unha vez remate a cata do Concurso da Caña, actuará no Parque Irmáns Dios Mosquera a Banda de Música de Sanxenxo.

Mañá sábado retómase a Ruta “Tapa a Anguía” nos bares Caprichos, Maneiro, Potel, Couceiro, Auditorio, Pardal e Praia fluvial de Vilarello, que servirán petiscos gratuítos coas consumicións. O horario de degustación é de 12:00 a 15:00 e de 20:00 a 23:00 horas.

A partir das 17:00 horas o Centro de Interpretación da Caña do País acollerá unha demostración de destilado tradicional da augardente a cargo de dous cañeiros e, a partir das 21 horas, terá lugar no Parque Irmáns Dios Mosquera o acto de entrega de premios do Concurso da Caña, Embelecer Valga, o certame artístico para elixir o cartel anunciador da festa, a Ruta “Tapa a Anguía”, o concurso “Anguía Chef” e os certames de fotografía e receitas do “Agosto Gastronómico”.

Precata21 2 Precata21 3

Precata21 4 Precata21 5

Precata21 6 Precata21 7

Volver