- O SAF saiu a licitación cun orzamento estimado de 2’08 millóns para os próximos catro anos
- A adxudicación está pendente da valoración da documentación técnica e da apertura das ofertas económicas
Valga, 25 de agosto de 2021.
Catro empresas presentaron no Concello as súas ofertas para optar á adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por un período inicial de dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas ata un máximo de catro anualidades.
As empresas que se presentaron ao concurso son Osventos Innovación en Servizos S.L., Sociser Galicia S.L.U., Idades S.L. e Son a túa axuda S.L. A mesa de contratación reuniuse nos últimos días para abrir os sobres A (documentación administrativa) e C (documentación técnica). Queda pendente apertura do sobre B, que contén as ofertas económicas.
O SAF constitúe un recurso preventivo e asistencial que posibilita que as persoas maiores e dependentes permanezan na súa contorna de convivencia habitual, ofrecéndolles unha axuda de atención persoal que posibilita o seu desenvolvemento no propio domicilio e a súa integración comunitaria, evitando así situacións de illamento e exclusión.
Este servizo saíu a licitación no mes de xullo, despois de que o Pleno aprobase o expediente de contratación e o gasto correspondente, que se estima en 2’08 millóns de euros durante os vindeiros catro anos.
O obxecto do contrato é a atención domiciliaria de persoas que teñan limitada a súa autonomía persoal por motivos de índole física, psíquica ou social, ou en casos de desestruturación familiar. Teñen prioridade as persoas maiores con déficit de autonomía e persoas con discapacidade.